Vitoria do Cisne sobre Auto Gomas Sinfín noutro final de infarto (25-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Abonados ao sufrimento. Así ten o Cisne aos seus seguidores. Sétimo partido da presente tempada que termina co marcador inclinado dun ou outro lado pola mínima marxe dun gol. Nesta ocasión saíu cara e os pontevedreses gañaron noutro final de infarto ao complicado Auto Gomas Sinfín, ao que superan na clasificación ascendendo ata o quinto posto.
Ademais, os de Jabato inclinan do seu lado a balanza co potente conxunto cántabro para o caso dun posible empate a puntos final, ao gañar no partido inaugural da liga na pista santanderina.
Foi un partido xogado de poder a poder, cun tempo para cada equipo e as defensas impoñéndose en bastantes momentos aos ataques. Nese aspecto o Cisne foi lixeiramente mellor, polo menos nos instantes craves, o que terminou por darlle un axustado triunfo, despois de remontar a vantaxe cántabra do primeiro tempo.
A igualdade presidiu o partido ao longo dos 60 minutos. Os cántabros comezaron mellor, aproveitando o descoido de saída dun Cisne ao que lle custaba atopar a fluidez necesaria na circulación de balón para terminar os seus ataques con posicións claras de lanzamento. Desta maneira Sinfín abriu un oco que ameazaba seriamente as opcións pontevedresas, escapándose coa que sería máxima diferenza do partido (3-7) aos 11 minutos de xogo.
Pero o Cisne entraría no partido, na mesma medida que era capaz de axustar a defensa, facilitando o labor dun Pablo Galán que aparecía para manter aos seus no partido e permitirlles achegarse a un (7-8), seis minutos despois, mesmo con varias opcións de empate que non aproveitarían os de Jabato.
Os cántabros conseguían manter a dianteira ao chegar ao descanso (11-13), pero o regreso á pista non lles sentou ben.
En apenas 9 minutos, o Cisne conseguía un parcial de 6-1, para darlle a volta ao marcador e lograr a súa máxima vantaxe (17-14), con Álex Pombo e Andrés Sánchez como brazos executores.
O partido parecía encarrilado, pero entón apareceron as habituais lagoas dos de Jabato, que permitiron aos visitantes reengancharse e volver empatar (17-17).
O últimos quince minutos foron tensos e intensos, cos nervios a flor de pel, pero sempre baixo iniciativa local, que tanto se ía de dous, como deixaba escapar a opción de sentenciar. Así, Sinfín empataba (24-24) cun gol desde o pivote de Lon. Quedaban menos de tres minutos, que puxeron a proba os corazóns de moitos.
Alberto Casares lograba o 25-24, deixando un minuto de tempo para que Sinfín tentase de novo a igualada. Pablo Galán detivo un lanzamento moi forzado deixando o balón en mans do seu equipo con 37 segundos por diante, que Jabato aproveitou para pedir tempo morto e preparar a xogada que debía ser definitiva. Non saíu ben. Un erro no cruzamento terminou con falta en ataque de Carlos Pombo e balón para os cántabros, que dispoñían de seis segundos para buscar o empate. O seu técnico, Rodrigo Reñones, pediu tamén tempo morto, pero a defensa do Cisne obrigou a un lanzamento forzado a Tarik Kasumovic e Pablo Galán fixo o resto, detendo o balón e permitindo aos brancos sumar dous valiosos e meritorios puntos.
BM CISNE (25): Pablo Galán; Ígor Tenorio, Andrés Sánchez (6), Miguel Simón, Javi Vázquez (2, 1 de penalti), Álex Pombo (5), Pablo Gayoso (1) -sete inicial-, Juanjo Novás ( p.s.); Linhares, Alberto Casares (6, 3 de penalti), Pablo Picallo (1), Carlos Pombo (1), Dani Tolmos (2), Dani Ramos (1) e Alejandro Conde.
AUTO GOMAS SINFÍN (24): Samu; Amarelle (1), Álex (2), Postigo (3), Lon (3), Nacho (7, 1 de penalti), Tarik Kasumovic (3) -sete inicial-, Vila (p.s.); Diego (1), Nico, Pla (2), Lastra (1), Solá (1), Rubén e Valverde.
Árbitros: Tania Rodríguez Estévez (Valencia) e Lorena García Gil (Aragón). Excluíron dous minutos a Tenorio, no Cisne, e a Diego, Tarik Kasumovic (2) e Valverde, no Sinfín.
Marcador (cada cinco minutos): 1-3, 3-5, 6-8, 8-10, 10-11, 11-13 (descanso), 14-13, 17-15, 18-17, 21-20, 24-22 e 25-24 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Discreto partido con derrota do Cisne en Bordils (30-26)
Por Redacción |
-
Amenabar Zarautz frea a marcha do Cisne nun intenso partido (31-27)
Por Redacción |
-
Remonta o Cisne para impoñerse nun rocambolesco final a Agustinos (30-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha xornada especial para o Cisne, que volve ao Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne sae coas ideas conxeladas en Nava de la Asunción (30-23)
Por Redacción |