Pibe asina co Pontevedra ata final de tempada con opción a outra
Por Diego Espiño
É un xogador que volve á súa casa, e por iso Agustín Pastoriza ' Pibe' asegura que aterra no Pontevedra Club de Fútbol "con mucha ilusión".
O extremo zurdo, que volve ao que foi o seu club en idade cadete e xuvenil, chega con "ganas de trabajar y aportar" para lograr a permanencia na categoría, segundo declarou este venres na súa presentación, celebrada no Estadio Municipal de Pasarón tras completar a súa primeira sesión de adestramento ás ordes de Luismi.
Pibe comprometeuse cos granates ata final de tempada coa opción de prolongar a súa vinculación durante unha campaña máis, ata o final da súa etapa como xogador sub-23.
"Viene a aportarnos más versatilidad y verticalidad en ataque", explicou o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns.
O canteirán, que procede do Coruxo e que non contou con moitas oportunidades este curso, está en condicións de entrar na convocatoria esta mesma fin de semana para enfrontarse ao Toledo, sobre todo tendo en conta o problema de efectivos que arrastra o equipo con xogadores como Kevin Presa, Adrián Léon ou Berrocal entre algodóns, futbolistas que este venres aínda se exercitaron á marxe dos seus compañeiros.
Á ESPERA DE REFORZOS PARA A DEFENSA E A DIANTEIRA
Na comparecencia pola presentación de Pibe, Roberto Feáns sinalou tamén que "tenemos negociaciones avanzadas y esperamos antes del cierre del mercado incorporar algún futbolista".
A prioridade segue sendo reforzar o eixo central da defensa, para o que se busca o perfil de defensor veterano que achegue carácter ao equipo. Ademais a dirección deportiva traballa na fichaxe dun dianteiro centro.