O Pontevedra búscase un "fútbolín" parecido a O Condús para adestrar
Por Ramiro Espiño
No seu segundo ano na Terceira División o Dorneda ten nas dimensións do seu campo do Eugenio Pardo Conchado, O Condús, de Oleiros, o mellor aliado para facer que os seus visitantes pasen un mal día deportivo. As reducidas dimensións do terreo, de superficie sintética e apenas 47 metros de ancho, fan que poucos sexan os rivais que o visitan os que se encontren a gusto e poidan despregar o seu mellor fútbol, pola dificultade que ten adaptarse a esas condicións, únicas en categorías nacionais no fútbol español.
O "fútbolín" do Dorneda, como xa se lle coñece popularmente, é un verdadeiro pesadelo para a inmensa maioría dos equipos que o visitan, e máis se, como no caso do Pontevedra, alí tes que xogarte gran parte das túas posibilidades de alcanzar o obxectivo marcado. Consciente desta situación, o técnico granate, Milo Abelleira, buscou o mellor xeito posible de que os seus homes non se sintan de todo estraños nun campo así, e por ese motivo programou o adestramento do xoves nun escenario o máis similar posible, encontrando a solución no campo da Escola Naval Militar de Marín, cuxos responsables cederon as instalacións para que o conxunto granate puidese adestrarse alí e o volva facer na última sesión semanal, que realizará o sábado, pola mañá.
Campo de superficie sintética, e mesmo lixeiramente máis estreito que o de Dorneda. En Marín o Pontevedra exercitouse tras o partido de Copa Deputación xogado en Cangas, nunha sesión de adaptación, fundamentalmente, na cal rexistráronse varias novidades. No lado positivo a recuperación mostrada por Caco e Fran Fandiño, que moi ben poderían ser incluídos na convocatoria do domingo, ademais de Lloves, que traballou con normalidade, malia que o día anterior volveu sentir molestias no seu ombro.
Na parte negativa sinalar que tanto Sestelo coma Richi, aínda que traballaron co grupo, non chegarán a tempo para o próximo domingo, mentres que a preocupación a puxeron Santi Domínguez e Stefan. Os dous dianteiros víronse forzados a abandonar a sesión antes de tempo para pasar pola consulta do doutor, o primeiro co fin de ver unhas molestias que ten no xeonllo, e o segundo por un problema intestinal, se ben se confía en que os dous poidan estar en condicións de xogar.
Milo dará descanso aos seus homes o venres, para realizar a última sesión da semana o sábado, de novo na Escola Naval e decidir alí a lista de xogadores que terán o difícil reto de saír airosos na rateira futbolística que lles espera o domingo, para manter intactas as opcións de loitar por alcanzar un posto de play-off.