Remonta o Cisne para impoñerse nun rocambolesco final a Agustinos (30-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Cinco exclusións en apenas tres minutos estiveron a piques de botar por terra o traballo dun Cisne que remontou un mal inicio de partido e case paga coa derrota, cando o partido parecía gañado, un final rocambolesco no que os de Jabato chegaron a xogar cunha cuádrupla inferioridade e só tres xogadores fronte a Agustinos de Alacante.
O últimos sete minutos de partido foron de infarto, cun Cisne empeñado en complicarse a vida e unha parella arbitral á que a mesa pouco axudou, deixando que se lle escapase o partido das mans, pero tamén, todo hai que dicilo, motivado por erros infantís dun Cisne que supliu con carácter competitivo os erros cometidos na pista, que foron abundantes.
Pablo Galán, primeiro, e Andrés Sánchez, nos instantes finais, foron as claves de que os puntos quedasen en casa, metendo de cheo aos pontevedreses na loita polos postos de play-off.
Era un día para celebracións. O Cisne presumía de canteira, coa presentación dos seus equipos de base, e ademais quería premiar cunha vitoria ao seu xogador Álex Chan, que se despedía por esta tempada ao ter que ausentarse por motivos de estudos, no partido que pechaba a primeira volta, pero Agustinos non o puxo fácil. Os alacantinos souberon aproveitarse dos erros locais para mandar na primeira parte e logo, con todo perdido, estar a piques de dar a volta ao marcador cando o partido parecía sentenciado. O maior "fondo de armario" dos de Jabato permitiulles chegar máis frescos a eses tolos minutos finais e superar as inferioridades numéricas con accións case milagrosas.
A primeira parte comezou mal para o Cisne, ao que lle custou entrar no partido. Cunha defensa moi permeable na que o exteucrista Didac Villar facía estragos, os brancos non atopaban posicións de lanzamento, cun Padilla que amargaba aos homes da primeira liña local. Ese escenario durou ata pasado o minuto 21 en que os visitantes conseguían a súa máxima vantaxe (5-10). Aí espertou o Cisne e cun parcial de 6-1 en pouco máis de cinco minutos empataba o choque (11-11), para irse ao descanso un só gol por baixo (13-12), o que, tendo en conta como se desenvolveu o partido, era case un milagre.
A segunda parte foi moi diferente. Apoiado nun Pablo Galán inmenso, o Cisne pechou a súa defensa e Pablo Picallo poñía por primeira vez por diante aos seus (16-15). Despois a diferenza foi crecendo ata que Dani Ramos poñía o 23-18, a falta de 13 minutos. Daba a sensación de que o peixe estaba vendido. O Cisne mantívose con 4 e 5 goles de vantaxe ata que a falta de sete minutos chegou a tolemia. As exclusións de Ígor Tenorio, Alberto Casares, Álex Chan e Andrés Sánchez deron vida a Agustinos, que se puxo a dous. Miguel Simón fixo un gol milagroso e Andrés Sánchez ao volver a pista, aínda cunha tripla inferioridade, protagonizou un roubo e marcou dous goles que serían decisivos, aínda que Alejandro Pombo quixo poñerlle emoción mandando ao poste un lanzamento a porta baleira, para que Mirallave e Montoya, este xa sen tempo para máis, deixasen o marcador nese apertado 30-29, xusto, pero con moitas conclusións que extraer para un Cisne que se complicou innecesariamente a vida.
CLUB CISNE (30): Pablo Galán; Ígor Tenorio, Andrés Sánchez (4), Javi Vázquez (4, 1 de penalti), Alejandro Pombo (3), Dani Tolmos, Alejandro Conde -sete inicial-, Juanjo Novás ( p.s.); Alberto Casares (7, 3 de penalti), Álex Chan (2), Pablo Gayoso (1), Linhares, Pablo Picallo (3), Carlos Pombo (2), Dani Ramos (3) e Miguel Simón (1).
AGUSTINOS ALACANTE (29): Padilla; Montoya (4), Mirallave (6, 2 de penalti), Didac Villar (4), Bernabeu (2), Jimeno (1), Stankovic -sete inicial-, Cardenal ( p.s.), Martín Vaquera ( p.s.); Bueno, Pablo Martínez, Moll (8), Recio (4), Soriano e Valenzuela.
Árbitros: Josep Millán Cazorla e Jordi Quintanar Manzano (Cataluña). Excluíron dous minutos a Alberto Casares (2), Álex Chan, Ígor Tenorio (2), Pablo Gayoso e Andrés Sánchez, no Cisne, e a Montoya (2), Soriano e Stankovic, en Agustinos.
Marcador (cada cinco minutos): 0-2, 2-5, 3-5, 5-9, 8-11, 12-13 (descanso), 14-14, 18-16, 21-18, 24-20, 27-25 e 30-29 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores. Antes de comezar o partido o Cisne realizou a presentación de todos os equipos das súas categorías inferiores.
Relacionadas:
-
Amenabar Zarautz frea a marcha do Cisne nun intenso partido (31-27)
Por Redacción |
-
Vitoria do Cisne sobre Auto Gomas Sinfín noutro final de infarto (25-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha xornada especial para o Cisne, que volve ao Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne sae coas ideas conxeladas en Nava de la Asunción (30-23)
Por Redacción |
-
O Cisne volve á competición en Nava de la Asunción... ou en Segovia
Por Redacción |
-
Teucro e Cisne, protagonistas no empate da Selección Galega de balonmán ante Arxentina
Por Redacción |