Fran Fandiño: "Estamos convencidos de que podemos conseguilo e sacar os puntos que nos leven arriba"
Por Ramiro Espiño
Hai algo máis de dous meses e medio, concretamente o pasado día 1 de febreiro, Fran Fandiño pasaba polo quirófano para resolver os problemas que unha molesta lesión de pube lle estaban a impedir render de acordo coas súas posibilidades deportivas en toda a tempada. Fran regresaba esta campaña ao Pontevedra despois dunha bonita etapa en Cangas, e foi precisamente fronte ao seu anterior equipo, no encontro de Copa Deputación, no que o xogador granate puido recuperar por fin as sensacións de sentirse futbolista e competir nun partido. PontevedraViva falaba con el á conclusión do partido disputado no campo do Morrazo:
- Fran, sen dúbida este é un momento moi especial despois de tanto tempo, volver sentirse futbolista.
- Si, xa era hora. Despois de tanto tempo saltar outra vez a un campo e ademais facelo aquí, onde xoguei tantos partidos. A verdade é que estou moi contento.
- Como é lóxico, fáltache ritmo, pero como te encontraches ti?
- Non, ben. A medida que pasaban os minutos si que me ía cargando un pouquiño. Claro que me faltan cousiñas, como unha puntiña de velocidade e axilidade. Os cambios de ritmo cústanme un pouco, aínda non estou de todo solto, pero ben, a verdade é que moi cómodo e con boas sensacións.
- Ou sexa que disposto para que Milo poida contar contigo cando o creo oportuno nun partido oficial.
- Si. El agora me vé adestrar, viume estes minutos, e cando crea que podo ser útil para axudar a conseguir o noso obxectivo do play-off aí estarei.
- O da Copa Deputación a estas alturas era máis unha molestia que outra cousa, ou non?
- A ver, sempre é bonito xogala e máis para os que necesitamos minutos, que é un adestramento máis para rodarnos, pero está claro que nós agora temos que centrarnos na liga, que nos quedan cinco partidos que son cinco finais e hai que chegar como sexa.
- A primeira delas o domingo, en Dorneda. Aí non falamos de fútbol, falamos de gañar.
Fran Fandiño: "En Dorneda falamos de pelexar. Non hai que intentar xogar bonito, só conseguir os tres puntos"
- Falamos de pelexar. Hai que pelexar e conseguir sacar os tres puntos do xeito que sexa. Nese campo non hai que intentar xogar bonito nin nada, só pensar en conseguir os tres puntos.
- Botades unha ollada ao calendario dos rivais ou só pensades en gañar vós e eles que fagan o que poidan?.
- Non, nós sabemos que para estar aí temos que gañar o que nos queda, facer o máximo de puntos posible e logo o que fagan os demais interésanos, claro, pero sempre cando acabe noso partido.
- Vós pensades que é posible, de verdade?
- Estamos convencidos de que podemos conseguilo e sacar os puntos que nos leven aí arriba.