Mal día na oficina do Marcón e vitorias de Campo Lameiro, Unión Grove e Beluso
Por Redacción
O Marcón Atlético viu cortada a súa boa serie no Grupo Sur de Preferente despois dun día para esquecer, ao caer goleado no Carrasco ante o Moaña (0-5).
Foi un partido no que non lle saíu nada aos de Borja Burgos, que aos 22 minutos viuse por baixo no marcador por un tanto de Omar.
Andrés Giráldez facía pouco despois o segundo e aínda que os pontevedreses saíron tras o descanso buscando mellorar e recortar distancias, o dianteiro visitante completaría un hat- trick que terminaba coas esperanzas de remontada.
Coa derrota o Marcón queda agora na décimo cuarta posición con 24 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Moaña.
O Campo Lameiro volveu a poñer velocidade de cruceiro e coa súa cuarta vitoria nas últimas cinco xornadas afástase da zona perigosa da clasificación.
Os verdes venceron na Chanciña ao Gondomar (2-1) e colócanse con 27 puntos no décimo posto.
Despois dun primeiro tempo de tenteo, o Campo Lameiro conseguiu adiantarse no minuto 59 de xogo cun gol de Miguel Pérez, e pouco despois facían o segundo, obra de Sergio. Só dous minutos despois os visitantes recortaban distancias e metíanse de novo no encontro, obrigando aos locais para manter a concentración defensiva ata o final para levar os tres importantes puntos en xogo.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Gondomar.
Goleada do Unión Grove na casa ante o Nogueira de Ramuín (3-0) nun duelo máis igualado do que reflicte o marcador final e que fai ao cadro meco manter o ritmo na zona de privilexio ao ser quintos con 38 puntos, a só tres do ascenso directo.
A pesar do claro do marcador, o choque non se decidiu ata os minutos finais, despois de tres cuartos de partido de extrema igualdade. O empate rompeuno Rubén Carreira aos 72 minutos desde o punto de penalti, e cando os visitantes buscaban empatar César no 81 facía o segundo para os locais.
Diego González no tempo de desconto redondeaba o resultado para un Unión Grove que mantén a súa fortaleza no Monte da Vila.
Consulta a acta do Unión Grove-Nogueira de Ramuín.
Segundo triunfo consecutivo na liga do Beluso, que dá un paso de xigante cara á permanencia ao vencer a un rival directo como o Erizana (2-0).
Os de Bueu adiantáronse aos 19 minutos cun penalti transformado por Adrián, e cando máis apertaba o seu rival, no tramo final do encontro, Julio lograba o segundo levando a tranquilidade á bancada.
Coa vitoria o Beluso colócase noveno con 28 puntos, 11 por encima do descenso.
Consulta a acta do Beluso-Erizana.
A cruz da xornada foi para o Xuventú Sanxenxo, que suma a súa cuarta xornada sen gañar despois de perder a domicilio ante o Porriño Industrial (2-0).
O marcador mantívose sen cambios durante os primeiros 45 minutos, pero rompeu nada máis comezar o segundo acto cun tanto de Benjamín, mentres que Ricardo Calviño sentenciaba no 70.
Coa derrota os amarelos caen á sétima praza con 34 puntos e afástanse dos postos de honra.