O Cisne sae coas ideas conxeladas en Nava de la Asunción (30-23)
Por Redacción
Contaxiado do frío case polar que reinaba no ambiente do Pavillón Municipal de Nava de la Asunción, o Cisne saíu á pista coas ideas conxeladas e en pouco máis de 13 minutos enterrou as súas opcións de rabuñar algún punto ante un BM Nava que acreditou aspirar a todo nesta tempada.
O equipo segoviano xogou un balonmán serio e efectivo, cunha defensa que non deixou físgoa algún nunha primeira parte case perfecta. Así, tras uns primeiros minutos de tenteo e relativa igualdade (2-2), o conxunto local pisou o acelerador machucando aos de Jabato cun parcial de 6-0 que abría unha diferenza que a longo prazo resultaría insalvable para os pontevedreses (8-2), antes de chegar ao ecuador do primeiro acto.
A partir de aí intercambio de goles, sempre co Cisne a remolque do que facía o seu rival, que chegou a gozar dunha máxima vantaxe de oito goles (16-8) xusto antes de que Alberto Casares reducise nun tanto, para marcharse ao descanso cun contundente 16-9, indicativo da superioridade segoviana.
Nada máis comezar a segunda parte BM Nava anotaba dous novos goles que disparaban a súa vantaxe a nove (18-9). O Cisne tentou reaccionar, e fíxoo achegándose ata os seis tantos de desvantaxe (19-13), o que obrigou ao técnico local a parar o partido para chamar á orde aos seus e evitar sorpresas. Á volta, BM Nava marcaba (20-13), pero os pontevedreses xa atoparan a fórmula para facer dano na defensa segoviana e cun novo parcial de 0-3 metíanse no partido (20-16) a falta de 15 minutos para o final.
Non houbo opción a máis. O partido entrou outra vez nun intercambio de goles, coa vantaxe local oscilando nunha cómoda marxe de entre 4 e 5 tantos, ata chegar ao 30-23 final, que rompe a boa marcha dos de Jabato nas últimas xornadas.
Consulta as estatísticas do partido entre BM Nava e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Vitoria do Cisne sobre Auto Gomas Sinfín noutro final de infarto (25-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Remonta o Cisne para impoñerse nun rocambolesco final a Agustinos (30-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha xornada especial para o Cisne, que volve ao Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne volve á competición en Nava de la Asunción... ou en Segovia
Por Redacción |
-
Sete xogadores do Teucro, parte da Selección Galega no seu segundo amigable ante Arxentina
Por Redacción |
-
Teucro e Cisne, protagonistas no empate da Selección Galega de balonmán ante Arxentina
Por Redacción |
-
O Cisne acumula erros e "regala" o Manuel Luaces ao Lalín (31-35)
Por Redacción |