Os penaltis dan o pase ao Alondras tras empatar (1-1) co Pontevedra na Copa Deputación
Por Ramiro Espiño
Rematouse a aventura do Pontevedra na Copa Deputación. Os granates cederon na terceira eliminatoria despois de empatar (1-1) fronte ao Alondras no campo de O Morrazo, caendo nas quendas de lanzamentos dende o punto de penalti, tras un partido disputado e con numerosas ocasións de gol por ambos os dous bandos.
Tomás, ao tranformar un claro penalti cometido polo porteiro Martín sobre Javi Pazos, adiantou ao Pontevedra na primeira metade, empatando o Alondras mediado o segundo período, cun gol de Denís. A lotaría dos penaltis caeu de parte dos propietarios do terreo, que acertaron nos seus cinco lanzamentos, por medio de José Ángel, Diego, Berto, Andrés e Mauro, mentres que polos granates marcaron Moisés, Nano, Adrián e Javi Pazos, mentres Jacobo vía como o seu lanzamento era rexeitado polo porteiro local Martín, dando a clasificación o equipo adestrado por José Curiel.
Milo Abelleira aproveitou a xornada para desprazar a toda o equipo, realizando un adestramento cos xogadores que non utilizou no partido. Nese ensaio previo o susto deuno o porteiro Sergio Lloves, que nunha acción desafortunada caeu sobre o seu ombro esquerdo, lesionado no partido do pasado domingo fronte ao Compostela, resentíndose das súas molestias.
Logo, o técnico pontevedrés reservaría a bastantes dos xogadores habituais, deixando na bancada a homes como Santi Domínguez, Yago Vázquez, Cristóbal Juncal, ademais do propio Lloves, e utilizando outros unicamente durante 45 minutos pensando nos inminentes compromisos do calendario ligueiro. Iso trouxo como consecuencia que a iniciativa a levase un Alondras con maior motivación.
O partido resultou entretido e con numerosas ocasións de gol. O equipo vermello e branco tívoas en maior número, pero o Pontevedra tamén gozou dalgunhas moi claras que puideron facer que o resultado fose máis amplo e que a eliminatoria quedase resolta sen chegar aos penaltis. Así os locais puideron adiantarse no marcador por dúas veces nos primeiros 15 minutos, pero Abraham e Outeiral encontráronse cun acertado Lorenzo.
A resposta daríaa o Pontevedra por medio de Javi Pazos, pero o seu remate nunha posición inmellorable, marcharía rozando o poste. Pouco despois chegaba o penalti que adiantaba ao conxunto visitante, cando Javi Pazos é derrubado por Martín, a quen o colexiado perdoa a expulsión nunha acción manifesta de gol. Tomás transforma ao "panenka" e dous minutos despois o arbitro deixa sen sanción outro claro penalti cometido por Caco sobre Mauro, amoestando o xogador local, por entender que se tirara.
Na segunda parte os cambios realizados trouxeron a boa noticia da reaparición no Pontevedra de Fran Fandiño, despois de máis de tres meses no dique seco a consecuencia da súa lesión de pube. O xogo nivelouse bastante en canto a posesión, pero sen chegadas de perigo a ningunha das dúas áreas, ata que Denís avisaba no minuto 65 das intencións dos locais por equilibrar o marcador. Sería o anticipo do gol do empate, logrado polo mesmo Denís, tras un centro de José Ángel.
Logo habería opcións para os dous equipos, a máis clara sería para Tomás, que se entretén só ante Martín, logrando o meta rexeitar o disparo, antes de que na recta final Outeiral estrelase un remate franco nos pés de Lorenzo, ou que Javi Pazos rematase fose á saída dun corner un balón claro no segundo pau.
Jacobo fallou na quenda de penaltis mentres o Alondras transformou os seus cinco lanzamentos
Os penaltis sorriron ao Alondras, tras o fallo de Jacobo no último lanzamento dos pontevedreses, transformando Mauro o seu entre a alegría da afección local.
ALONDRAS, C.F. (1): Martín; Castilla (Chichi, min. 46), David, Toni, José Ángel; Outeiral, Leiro (Berto, min. 79); Denís, Serxio (Diego, min. 58), Mauro; e Abraham (Andrés, min. 46).
PONTEVEDRA, C.F. (1): Lorenzo; Adrián, Caco (Pablo, min. 46), Cristóbal Domínguez, Nano; Iago Paz (Fran Fandiño, min. 46), Emilio, Moisés, David Pérez (Jacobo, min. 46); Buba (Stefan, min. 46) e Javi Pazos.
Árbitro: Miguel Ángel Miñán Fernández (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Ismael González Caramés e Sergio Doval Gil. Amoestou a Martín, David, Abraham, Mauro e Moisés.
Goles: (0-1) Minuto 26: Tomás, de penalti. (1-1) Minuto 66: Denís.
Incidencias: Campo de O Morrazo (Cangas). Uns 500 espectadores. Partido correspondente á terceira eliminatoria da Copa Deputación.