O partido no Baltasar Pujales de Bouzas, unha auténtica 'final' para o Pontevedra
Por Diego Espiño
Dez xornadas acumula xa sen gañar na liga o Pontevedra Club de Fútbol. Demasiadas para un equipo que necesita con urxencia empezar a sumar de tres en tres para afastarse da zona de descenso.
Nesta situación os granates visitan este domingo (16:30 horas) á revelación ata agora da liga, un Rápido de Bouzas que marcha sexto cun partido menos pero que segue fixando a súa meta na permanencia.
Será o terceiro encontro de Luismi no banco, tras debutar con empate ante o Celta B e a derrota na Copa Federación ante o Burgos.
O técnico deberá introducir cambios na aliñación polo menos no centro do campo, debido á sanción de Adrián León por acumulación de amoestacións, mentres que Kevin Presa volve estar dispoñible a pesar de atravesar durante a semana un proceso gripal, Prosi segue de baixa e Añón arrastra molestias. Ademais entrou na convocatoria a recente fichaxe do club, o lateral dereito Nacho López, que podería gozar de minutos no seu primeiro encontro como granate. Luismi leva a 19 xogadores, dos que debe descartar un no mesmo Baltasar Pujales.
Nunha situación oposta á do Pontevedra chega á cita o Rápido, que encadea catro xornadas sen perder e que ademais se reforzou cos dianteiros Kaxe e Adrián Rodríguez, este último cedido polo Celta de Vigo. Ambos os dous estarán dispoñibles se o seu adestrador quere aliñalos o domingo.
A entrada ao Baltasar Pujales terá un prezo único para o público de 15 euros.
O colexiado do encontro será o castelán-leonés Carlos Pérez Fernández.
Relacionadas:
-
Lamentable imaxe na primeira parte dun Pontevedra que toca fondo en Bouzas (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra busca no mercado invernal un central, un extremo e "veremos si un delantero"
Por Diego Espiño |
-
Nacho López preséntase co Pontevedra convencido de que "vamos a sacar esto adelante seguro"
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra en inferioridade desde o primeiro tempo cae coa cabeza alta en Burgos (3-1)
Por Redacción |
-
Lupe Murillo confía plenamente en Luismi para sacar adiante ao equipo
Por Redacción |