Máis de 1.000 xogadores disputarán en Pontevedra os campionatos de España de tenis de mesa
Por Diego Espiño
Pontevedra converterase en capital nacional do tenis de mesa durante nove días (do 23 de febreiro ao 3 de marzo de 2013) coa disputa dos campionatos de España da especialidade en todas as categorías, de base e absolutas, ao que hai que sumar a Copa do Rei e a Copa da Raíña coa presenza dos mellores equipos do país.
O Recinto Feiral contará con 41 mesas para os máis de 1.000 inscritos que se esperan (foron 1.100 na cita do pasado ano en Almería), ao que poderían aínda sumarse os campionatos escolares, que sumarían dous días máis de competición.
ÿ a terceira vez que Galicia acollerá unha cita similar, antes fixérono Santiago de Compostela e Vigo. Agora Pontevedra aposta por un evento que, segundo o alcalde, dinamizará a economía local, "van estar os mellores xogadores de España e durante case 10 días rozaremos o 100% de ocupación en tempada baixa. Isto é posible grazas á colaboración dos hostaleiros poñendo tarifas alcanzables para os equipos".
Integrantes da Federación Española de Tenis de Mesa viaxaron hai tres meses á cidade de Lérez para inspeccionar as instalacións, ás que deron o seu visto bo, como recoñece o seu presidente Miguel Ángel Machado, "queremos agradecer esta apuesta decidida por nuestro deporte. Espero que los pontevedreses disfruten del mejor tenis de mesa del país".
Do 2 ao 4 de novembro Lalín acollerá un dos catro clasificatorios zonais con 420 deportistas. Alí gañarán o billete aos nacionais moitos xogadores galegos aos que a cita de Pontevedra, por proximidade, lles facilitou as cousas. Así o asegura José Fernández, máximo mandatario da Federación Galega, "indirectamente é como unha subvención, porque o ano pasado moitos xogadores non puideron acudir a Almería polo custo que supoñía o desprazamento".