Un 2018 "extraordinario" a nivel deportivo traerá a máis de 40.000 persoas a Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Balonmán, baloncesto, tríatlon, tenis de mesa ou loita. Son só algunhas das disciplinas deportivas que celebrarán en Pontevedra, ao longo de 2018, algún campionato nacional ou internacional. Son eventos que atraerán á cidade a máis de 40.000 persoas e que converterán un ano máis á Boa Vila en referente do deporte federado en toda España.
A edil de Deportes, Anxos Riveiro, debullou este mércores o calendario deportivo de Pontevedra para este ano, que tivo o seu inicio co recente campionato de España de seleccións autonómicas de balonmán, celebrado durante a primeira semana de xaneiro.
Ata agora, Pontevedra está confirmada como sede de dez campionatos pero serán máis, xa que a federación de piragüismo aínda non pechou o seu calendario -e o Pontillón do Castro acollerá algunha das citas nacionais máis destacadas- e aínda se están concretando os detalles do campionato de España de baloncesto infantil, que será en xuño entre Pontevedra e Marín.
Entre todos, destaca a responsable de Deportes, Pontevedra completará un ano "extraordinario" ao xerar un movemento de visitantes "salientable" e que, engadiu Riveiro, "di moito" dunha cidade que, en 2007, decidiu trazar unha estratexia para converter ao deporte en dinamizador social e económico do municipio.
"É un orgullo ver ata onde chegamos", sinalou Anxos Riveiro, que lembrou que o Consello Superior de Deportes recoñeceu recentemente a Pontevedra como a cidade que máis eventos deportivos organiza para participantes en idade escolar. Trátase dun público "interesante", dixo, porque "veñen acompañados dos seus pais".
Así, en 2018 "non paramos" segundo a concelleira de Deportes. A próxima cita será, en marzo, o campionato de España escolar e cadete de loita. Será un "testeo" para o Europeo de loita que, en categoría junior, celebrarase en Pontevedra en 2019 e contará con membros da federación internacional para avaliar a organización do campionato.
En marzo, a piscina de Pontemuíños acollerá a Copa de Europa de waterpolo feminino, unha proba internacional coa que o Concello busca tamén "potenciar" a práctica deste deporte nivel local. No mesmo escenario será o campionato de España infantil de natación, no que participarán máis dun milleiro de nenos.
O campionato de España de orientación en bicicleta de montaña será na contorna do Pontillón do Castro en abril, como paso previo a unha proba internacional ao que opta Pontevedra para 2020. No mesmo mes chegará o campionato de España de tenis de mesa para veteranos, que acollerá o Pavillón Municipal.
Galicia acollerá por vez primeira o campionato de España alevín de tenis e será nas instalacións do Casino Mercantil de Pontevedra e o 9 de setembro a parroquia de Pintos (Tomeza) celebrará de novo o campionato de España de deportes de inercia.
Outra das grandes citas será o campionato de España de tríatlon de longa distancia, co que Pontevedra estrearase nesta disciplina. Será en xullo e servirá para probar o percorrido, xa aprobado pola federación internacional, do Festival Multideporte que organizará a Boa Vila en 2019. Espérase a participación, entre outros, de Javier Gómez Noya e Saleta Castro.
O squash tamén debuta en 2018 no calendario deportivo de Pontevedra. Será do 21 ao 23 de setembro co campionato de España de seleccións autonómicas en categoría absoluta. Celebrarase no complexo deportivo Rías do Sur, pero haberá actividades en toda a cidade e nos colexios para promocionar a práctica deste deporte.
Grazas a todos eles, segundo Anxos Riveiro, " non hai semana do ano no que non haxa deporte en Pontevedra", xa que a estes campionatos hai que sumar as probas xa consolidadas que, anualmente, celébranse na cidade impulsadas ou organizadas polo propio Concello ou diferentes entidades e clubs deportivos.
"Non hai cidade en España que faga este esforzo", concluíu a edil de Deportes.
Relacionadas:
-
A Selección Española de fútbol sala xogará en Pontevedra o 2 de abril ante Finlandia
Por Redacción |
-
Os eventos deportivos previstos en marzo atraerán preto de 1.300 deportistas, segundo o Concello
Por Redacción |
-
Queres ser voluntario no Mundial de Triatlón de 2019?
Por David Arana |
-
España e Grecia serán cabezas de serie na fase final da Europa Cup de waterpolo en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será en 2018 "a cidade de España con máis competicións nacionais" de piragüismo
Por Diego Espiño |
-
Xornada de traballo para ultimar a organización da Europa Cup de waterpolo
Por Redacción |
-
O PSOE esixe que os clubes "non queden á marxe" da planificación deportiva da cidade
Por Redacción |
-
Os mundiais de tríatlon de 2019, centro da promoción de Pontevedra en Fitur
Por Alejandro Espiño |
-
Cataluña, gran triunfadora nos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas
Por Redacción |
-
O Campionato de España Infantil de Natación, unha cita máis para o calendario deportivo de 2018
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá en marzo a fase final da Europa Cup de waterpolo feminino
Por Diego Espiño |
-
Conceden a Pontevedra a organización do Europeo Junior de Loitas Olímpicas de 2019
Por Diego Espiño |