O BM Lalín, rival do Cisne no Memorial Manuel Luaces
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario do próximo sábado 30 de decembro dun torneo xa clásico nas datas do Nadal, o Memorial Manuel Luaces que organiza o Club Cisne Balonmán.
Nesta ocasión, na súa XXIV edición, o club pontevedrés convidou ao torneo ao Balonmán Lalín, equipo da Primeira División Nacional ao que se enfrontará a partir das 19:15 horas da tarde.
Será unha boa proba deportiva para os de Jabato, que non quere que os seus perdan o ritmo competitivo pensando no primeiro partido do ano na División de Honra Prata, o día 13 de xaneiro en Nava de la Asunción.
O Memorial Luaces, que homenaxea ao ex-xogador, adestrador e directivo do club, arrincará ás 16:30 horas con partidos das categorías benxamín e alevín.