Segue adiante o Teucro na Copa do Rei tras remontar ante o Benidorm (28-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O Condes de Albarei Teucro está xa a un só paso da Final a 8 da Copa do Rei, despois de remontar non sen suspense a eliminatoria de terceira rolda ante o Balonmano Benidorm (28-24), por marcar máis goles en canha contraria (31-27 na ida).
Vaia por diante que foi un partido estraño. Frío no inicio na bancada e na pista e dominado desde a defensa polos azuis na primeira metade. Así, aínda que custaba atacar, o Benidorm mostrábase inofensivo ante o 6-0 teucrista e os de Quique Domínguez aproveitaron para de saída igualar a eliminatoria (4-0). Só pasaran 7 minutos de xogo e o contador poñíase a cero.
Tardou 9 minutos o equipo visitante en anotar o seu primeiro tanto, pero a súa situación non mellorou. Santana empezou a intervir e a renda aumentaba aos poucos para desesperación de Zupo Equisoain. Así ao fío do descanso Borja Méndez poñía a máxima 13-3, que maquillaba cun tanto Salinas para o Benidorm. Os alacantinos parecían fóra do partido e marcharon ao vestiario tras anotar a pobre cifra de 4 goles nos primeiros 30 minutos.
Todo lle saía ben ao Teucro, pero esa situación empezou a cambiar tras o descanso. A arenga do técnico visitante fixo que os seus saísen máis vivos en ataque (tardaron 6 minutos en facer os mesmos goles que en toda a primeira parte), ao que se uniu a lesión de Juan Quintas nunha acción fortuíta cun rival na que se danou o seu nocello dereito. Se xa eran importantes as baixas para os de Quique Domínguez, o equipo pontevedrés perdía a un dos puntais da súa defensa, que xa non volvería participar dando protagonismo nesta faceta a homes como Yoan Balázquez ou o canteirán Samuel Pereiro.
Nesas circunstancias o Benidorm comezaba a anotar con maior facilidade. A sorte foi que os azuis incrementaron tamén a súa eficacia mantendo baixo control ao seu rival. A vantaxe mantíñase estable ao redor dos 8 tantos. Os locais apostaban por durmir o encontro con ataques longos, polo que pasado o ecuador do segundo tempo o banco visitante apostaba por un cambio en defensa cunha mixta sobre Balázquez e Borja Méndez e presión aberta que chegaba en ocasións a media cancha.
Esa variable propiciou ataques máis rápidos do Teucro, que a pesar duns instantes de desconcerto mantivo o tipo mentres os minutos seguían a pasar (27-20, minuto 25). Pedía tempo morto Quique Domínguez, que notaba certo atasco ao seu equipo, e o que chegou foi un rápido parcial de 0-4 para o Benidorm que puxo todo patas para arriba. De súpeto a eliminatoria, por primeira vez desde o inicio do partido, estaba de lado visitante a pouco máis de dous minutos para o final (27-24).
Atacaban o azuis pero non atopaban a maneira e Borja cun lanzamento forzado fallaba. Escapaba o pase á seguinte rolda a só un minuto da conclusión, un minuto cheo de emoción que seguiu cunha parada salvadora de Santana para dar a última opción aos seus con medio minuto por diante. Aproveitouno Balázquez, desacertado o resto do choque, para sacar o seu brazo a pasear a falta de 7 segundos e lograr un gol que valeu a clasificación facendo explotar á bancada. Pediu tempo morto Zupo na busca dunha xogada desesperada, pero o lanzamento de Ander Torrico detívoo Santana de novo certificando a remontada.
O Condes de Albarei Teucro estará no bombo da cuarta eliminatoria do Torneo do K.O., a última antes da Final a 8 e que se xogará de novo a dobre partido os días 7 e 14 de marzo.
SD TEUCRO (28): Santana, Borja Méndez (7), Balázquez (4), Juan Quintas (1), Iván Fernández (4), De Castro, Edu Moledo -siete inicial- Moyano (1), Samu Gómez (4), Dani Hernández (5, 2p), Ángel Iglesias (1), Samuel Pereiro (1), David Alves, Lloria.
BM BENIDORM (24): Makaria, Rivero (1), Santonja (1), Carlos Grau (1), Salinas (1), David Cuartero, Simonet (5) -siete inicial- Marchan (1), Robles, Ander Torrico (4), Eloy, Morales (6, 5p), Calderón, Pavan (4), Guillermo Corzo, Iván Rodríguez, Mijuskovic.
Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto (Castilla-León). Excluíron a Juan Quintas, De Castro, Samuel Pereiro, Iván Fernández e Balázquez no Teucro e a Ander Torrico, Pavan e Carlos Grau (2) no Benidorm.
Marcador cada cinco minutos: 1-0, 4-1, 5-2, 8-2, 11-3, 13-4, descanso, 16-7, 18-9, 20-12, 24-16, 28-24.
Incidencias: Partido de volta da terceira eliminatoria da Copa do Rei disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 500 espectadores.
Relacionadas:
-
O BM Guadalajara, último escollo do Teucro cara á Final a 8 da Copa do Rei
Por Redacción |
-
O Teucro quérese regalar unha remontada por Nadal
Por Diego Espiño |
-
O Condes de Albarei Teucro desfalece tras o descanso en Benidorm (31-27)
Por Redacción |
-
José Manuel Rial, K.O. para toda a tempada
Por Redacción |
-
Honrosa derrota dun valente Teucro ante o todopoderoso Barcelona (28-38)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |