O PP preguntará no pleno polas subvencións aos clubs deportivos
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra preguntará no próximo pleno da corporación pola situación "agónica" na que asegura que se atopan os clubs deportivos da cidade debido ao atraso nas axudas do Concello.
Segundo o concelleiro Tomás Abeigón, "máis da metade dos clubs" non percibiron as subvencións correspondentes aos exercicios de 2015 e 2016.
"Está a provocar importantes prexuízos aos nosos clubs deportivos", asegura Abeigón, para quen "este desleixo por parte do goberno de Lores está a asfixialos".
A situación, explica o PP a través dun comunicado, viuse agravada polo inicio do curso nas escolas deportivas municipais, xa que denuncia que se tramitaron as inscricións sen conceder oficialmente as axudas correspondentes, o que "provoca que as entidades que as asumen non conten co financiamento necesario para desenvolver as actividades".