O piragüismo galego entrega os seus premios anuais en Ribadumia
Por Redacción
O Auditorio Municipal de Ribadumia foi escenario da Gala do Piragüismo Galego organizada pola Federación Galega de Piragüismo para recoñecer o traballo e dedicación de deportistas, directivos e clubs ao longo do último ano.
Entre os homenaxeados estaban os medallistas galegos en campionatos do Mundo de maratón, que recibiron o Premio Especial Xunta: Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos, Manuel Garrido, Jenifer Casal e José Manuel Sánchez.
Ademais entre outros premios o Ciudad de Pontevedra foi distinguido como mellor equipo nacional en categorías de promoción, o Breogán do Grove como mellor equipo feminino, Miguel Villanueva (Ciudad de Pontevedra) como mellor adestrador, Teresa Portela (Ría de Aldán) como mellor deportista feminina ou Carolina García (Ciudad de Pontevedra) como mellor deportista xuvenil.
A Federación Galega de Piragüismo entregou tamén a súa insignia de ouro a Suso Morlán, adestrador que durante moitos anos foi responsable técnico do CGTD de Pontevedra e responsable dos éxitos deportivos de David Cal.
Na Gala do Piragüismo Galego entregáronse ademais os premios aos tres primeiros clasificados nas distintas ligas autonómicas a pasada tempada.