Un autogol condena un Pontevedra sen alma fronte o Atlético de Madrid B (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
De mal a peor. Non cabe outra definición para un Pontevedra sen rumbo nin dirección. Empeñado en converter a calquera contrario nun equipo maiúsculo, o once de Luisito segue navegando en mares turbulentos que lle arrastran ao abismo cada xornada que pasa. Fronte o Atlético de Madrid B os granates cambiaron de sistema, abandonando os tres centrais, para pasar a un máis convencional 4-4-2, seguindo cos seus constantes bandazos no que levamos de tempada, para seguir "xogando" ao mesmo, é dicir, a mercé do rival de turno, que lle supera non só en fútbol, senón tamén en intensidade.
Debutou o xuvenil Juan Barbeito no lateral dereito, no que constituíu case a única nota positiva doutra tarde para esquecer. Quizais sexa a mensaxe definitiva de que mellor será mirar á canteira antes que seguir apostando por xogadores cuxa indolencia no campo empeza a fartar á parroquia e que seguen arrastrando coa súa escasa actitude competitiva a un equipo que tocou fondo, incapaz de gañar a ninguén.
Coma se tratásese dun partido xa visto, no primeiro tempo o Pontevedra vagou por Pasarón a mercé dun Atlético de Madrid B"moito máis intenso, pero nada do outro mundo, ao que lle bastou con correr máis que os locais para facerse co control do balón e dominar amplamente. Iso sí, os filiais colchoneiros, a pesar de ese dominio, apenas crearon perigo, pero é que menos fixo o Pontevedra, que se limitou a dúas accións illadas con remates afastados de Álex González e Kevin Presa, rexeitados polo meta visitante. Dous disparos en 45 minutos, moi pouco, pero cero absoluto en canto a xogo, incapaces os de Luisito de dar máis de tres pases ligados ou con sentido.
Nesa dúbida de saber a que xogaba o Pontevedra, a desgraza cebouse co equipo en forma de autogol. Se Prosi, desaparecido na construción e negado nas accións a balón parado, non era capaz de poñer un só balón en condicións aos seus, os colchoneiros si o facían e cada falta lateral era un susto permanente. Nunha delas, Keidi pon un centro envelenado e Etxániz ao tentar despexar en pugna con Olabe, termina peiteando ao interior da súa propia portería.
O gol fixo reaccionar minimamente aos granates, que chegaron un par de veces, máis por accións individuais que por xogo colectivo, inexistente ata un descanso no que o silencio, a resignación e o desgusto, apoderábanse das bancadas dun Pasarón frío como a tarde, que se temía o peor e unha triste despedida dun ano que comezou con ilusión para terminar temendo a traxedia.
Tímida melloría na segunda parte, para igual nivel de ineficacia. Os de Luisito seguiron sendo un equipo triste, coas liñas abismalmente separadas e incapaces de xerar xogo nin case perigo, encomendado aos arrebatos individuais dos seus homes. Cun pouquiño máis de esforzo que no primeiro acto, o equipo local foi capaz de polo menos arrebatarlle o balón e superar aos visitantes, pero pouco máis.
Puido chegar o empate, que sería o máis xusto, porque o filial colchoneiro non mereceu máis tampouco, pero as accións individuais de Añón ou Álex González, non se viron acompañadas dos seus compañeiros, especialmente por parte dun Etxániz negado.
Precisamente foi Álex González quen despois de irse do seu par, disparou alto para logo deixar a mellor ocasión do partido nas botas de Etxániz, pero o remate deste (minuto 73) foi máis un pase ao porteiro que un disparo, cando estaba en inmellorable posición para marcar.
Tamén puido sentenciar o Atlético na súa única contra de todo o segundo tempo. Evitouno como case sempre Edu, providencial para atallar o remate de Toni Moya.
Despois un último remate de cabeza de Etxániz que detivo o porteiro e aí acabouse a historia para sumar nove xornadas sen gañar e terminar o ano en postos de promoción de permanencia, que con ser malo non é o peor, senón as lamentables sensacións dun equipo roto, que non sabe ao que xoga, se é que xoga a algo e ao que o abismo da Terceira División ábreselle de novo de forma máis que perigosa.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Juan, Jimmy, Goldar (Mouriño, minuto 71), Adrián León, Kevin Presa, Álex González, Jorge (Berrocal, minuto 57), Etxániz, Prosi (Carlos Ramos, minuto 52) e David Añón.
ATLÉTICO DE MADRID B (1): San Román; Solano, Sergi, Montoro, Rafa Muñoz, Olabe, Carlos Isaac (Arona, minuto 70), Keidi, Ródenas (Christian Perales, minuto 85), Cristian Rodríguez e Manny (Toni Moya, minuto 80).
Árbitro: Enrique Gao Aladro (Asturias), auxiliado nas bandas por Eliana Fernández González e Álvaro Alonso Prendes. Amoestou a Goldar, Prosi, Kevin Presa e Edu, no Pontevedra, e a Keidi e Christian Perales, no Atlético de Madrid " B".
Goles: (0-1) Minuto 26: Etxániz, en propia porta.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Luisito despídese "cunha mochila cargada de orgullo" por ter adestrado "a un club inmenso"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Un final gris que embaza tres anos de paixón na banda
Por Diego Espiño |
-
Luisito xa non é adestrador do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Edu Sousa e Mouriño, seguros de que o Pontevedra superará o seu mal momento
Por Ramiro Espiño |
-
Semana de descanso... e reflexión
Por Redacción |
-
Luisito explota tras a nova derrota granate e carga contra todos en rolda de prensa
Por Ramiro Espiño |
-
Pontevedra e Atlético de Madrid B, a romper a maldición da X
Por Diego Espiño |
-
O Burgos de Patxi Salinas, rival do Pontevedra nos oitavos de final da Copa Federación
Por Redacción |
-
Jorge e Lezcano marcan diferenzas entre Pontevedra e Rápido de Bouzas (3-0)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
O partido de Copa Federación ante o Rápido de Bouzas, en Mosteiro
Por Redacción |
-
Edu Sousa sostén o Pontevedra na súa visita ao Unión Adarve (0-0)
Por Redacción |