Barça CBS imponse con comodidade ao Arxil (78-58)
Por Redacción
Non foi rival o Arxil para o Barça CBS no Palau Municipal d' esports Juan Carlos Navarro. As catalás foron superiores en todos os aspectos do xogo, especialmente na pintura e no tiro exterior, faceta na que as mozas de Mayte Méndez estiveron especialmente desacertadas.
Os rebotes tiveron cor local (44 fronte a 32), pero onde verdadeiramente o Arxil cavou a súa tumba deportiva foi nos tiros desde máis aló da liña de 6,25, cun raquítico 15% de efectividade (2 de 13), faceta na que as locais asentaron a súa superioridade, asinando un excelente 44% con nada menos que 12 canastras triplas de 27 intentos.
Aínda por riba, as arxilistas tiveron a tres das súas xogadoras con números negativos en canto a valoración e unicamente Chantel Charles e Arantxa Mallou en dobres díxitos, mentres que a súa flamante fichaxe, a pivote serbia Jelena Budimir, con algo máis de nove minutos en pista, foise ao banco sen achegar un só punto.
As pontevedresas aguantaron ata o descanso, para caer claramente nun terceiro cuarto para esquecer, na que non deron un bo nivel nin en defensa nin en ataque.
Curta vantaxe do equipo local nos primeiros 10 minutos (15-11), que case logra neutralizar o Arxil no segundo parcial (16-19) para irse ao descanso un só punto por baixo (31-30).
Pero á volta de vestiarios as catalás mostráronse intratables, varrendo da pista ao Arxil (24-10) cimentando un claro triunfo que rubricarían no últimos dez minutos, anotándose tamén o último parcial (23-18) para terminar gañando con autoridade (78-58).
Consulta as estatísticas do partido Barça CBS-Arxil nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Arxil dá o OK á continuidade de Jelena Budimir ata final de tempada
Por Redacción |
-
O Arxil remonta no último parcial para anotarse o derbi ante Cortegada (77-68)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Un derbi provincial entre Arxil e Cortegada para pechar o ano na Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Jelena Budimir, unha trotamundos do baloncesto para reforzar o xogo interior do Arxil
Por Redacción |
-
Arxil cura feridas á conta de Avilés (64-53)
Por Redacción |
-
Cisne e Arxil, obrigados a cambiar de pavillón
Por Diego Espiño |