Dous penaltis non sinalados impiden o triunfo do Pontevedra (0-0) sobre o Compostela nunha xornada festiva
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Se alguén pensa que sempre un empate sen goles nun partido de fútbol ten que ser aburrido, claramente equivócase. Boa proba diso foi o partido que disputaron Pontevedra e Compostela en Pasarón. Intensidade en cada acción, polémica por dous máis que posibles penaltis non sinalados na área visitante e ambiente de luxo nas bancadas, con presenza numerosa da afección compostelá, e masiva da granate, que fixo que as bancadas rexistrasen unha entrada digna de categorías profesionais, todo iso no medio dun ambiente da máis exquisita deportividade.
Era un día de festa. Celebrábanse os 50 anos do primeiro ascenso a Primeira División do Pontevedra. A moitos profesionais do fútbol os festexos previos nun partido póñenos dos nervios, pola posibilidade de que os seus xogadores caian nunha perigosa falta de concentración, pero nada diso sucedeu. Viviuse e gozouse cos heroes daquela data histórica (14 de abril de 1963), ademais de demostrar a quen queira oílo que este Pontevedra está moi vivo e que ten detrás unha sensacional afección que responde en canto se lle ofrece o máis mínimo estímulo.
Máis de 6.000 afeccionados nas bancadas. Unha cifra que para si quixesen moitos dos equipos que militan en Segunda División e ata algún de Primeira. Para que os que levan agora mesmo as rendas do club recapaciten e pensen o que se pode chegar a conseguir a pouco que a ilusión volva a unha afección desencantada pero sempre exemplar e fiel como poucas.
Rematados os festexos, comezou o "baile". O Pontevedra, consciente de que se xogaba máis que o seu rival, saíu decidido, premendo moi arriba como o fixera unha semana antes, e case consegue o froito da súa ambición, cando Stefan realiza unha gran xogada para marchar cun "sombreiro" de Catú, pero disparando por enriba do longueiro.
O Compostela non tiña o balón, pero os seus envíos en longo cara a Joselu facían sufrir á zaga granate. E chegaron os nervios, primeiro nunha contra de Yahvé que remata Peláez, de cabeza, aparecendo Lloves, providencial, para deter o primeiro remate e o segundo, tras un rebote no mesmo Peláez. Avisaran os branquiazuis e os nervios chegaron curiosamente nun dos máis veteranos xogadores locais. Cristóbal Juncal arrisca un pase horizontal que intercepta Joselu, pero o máximo goleador da categoría tópase con Lloves, enorme, que logra rexeitar o seu disparo.
Aínda tería unha máis o equipo de Fredi. Sería tras un centro de Joselu, que Manu Rodríguez remata de cabeza desviado. Mentres, o Pontevedra levaba lixeiramente a iniciativa, pero sen perigo.
Curiosamente a segunda parte foi ao revés. O balón cambiou de dono. A posesión creceu no Compostela, pero a saída de Iago Paz deu consistencia defensiva ao Pontevedra na zona ancha. Os granates gañaban case todos os balóns divididos e foron poñéndolle pouco a pouco unha marcha máis ao partido. Deu a sensación de que ao Compostela o partido se lle fixo longo, mentres os granates crecían e comezaban a roldar con perigo, especialmente a balón parado, a área visitante.
Así entramos nos últimos quince minutos e neles chegou a polémica. Un claro agarrón de Jimmy a Moisés, dentro da área é ignorado polo colexiado, a falta de 13 minutos. Pero catro despois sería peor, cando Santi Domínguez é claramente empurrado por Tachi, cando se dispoñía a rematar dende preto, sen que nin o árbitro nin o seu asistente considerasen punible a acción.
Si que viu auxiliar a labazada de Tachi a Iago Paz que lle custou a segunda amarela. O Compostela afrontaba os últimos minutos cun home menos e intentando rabuñar segundos, mentres o Pontevedra tería unha última ocasión en disparo de Jacobo que rexeita Adrián.
Ao final repartición de puntos, mellor para o Compostela que para o Pontevedra. Certo que os visitantes puideron sentenciar o partido na primeira parte, pero tamén que os granates se viron prexudicados por dous graves erros arbitrais que, tras a vitoria do Deportivo B en Cerceda, lle afastan do play-off. Non obstante, por diante quedan cinco finais.
PONTEVEDRA, C.F. (0): Lloves (3); Cristóbal Juncal (1), Yago Vázquez, (3), Pablo (3), Adrián (2); Tubo (2), Emilio (1), Jacobo (2), David Pérez (1); Santi Domínguez (1) e Stefan (2).
Sustitucions: Iago Paz (2) por Emilio, minuto 46. Moisés (1) por David Pérez, minuto 64. Caco (1) por Cristóbal Juncal, minuto 77.
S.D. COMPOSTELA (0): Adrián (2); Borja Facal (1), Catú (2), Tachi (1), Jimmy (2); Gonzalo (1), Mariño (2); Peláez (2), Manu Rodríguez (2), Yahvé (1); e Joselu (3).
Sustitucions: Jordan (1) por Mariño, minuto 60. Jacobo (1) por Yahvé, minuto 77. Marcos Suárez (s.c.) por Peláez, minuto 82.
Árbitro: Sergio Espasandín Cores (A Coruña), auxiliado nas bandas por Manuel Carreira Parrado e Alexandre López Vila. Expulsou por dobre amoestación a Tachi (minuto 85). Amoestou a Cristóbal Juncal, Pablo, Tubo, Santi Domínguez, Moisés, Gonzalo e Mariño.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Magnífica entrada con máis de 6.000 espectadores, entre os cales deixaron notar a súa presenza uns 400 chegados dende Santiago. Antes de comezar o partido rendeuse homenaxe aos heroes do ascenso do Pontevedra a Primeira División, conseguido o 14 de abril de 1963. Rafa Ceresuela, o autor do famoso "gol do allo" fixo o saque de honra dende o punto de penalti na portaría de fondo norte na que hai 50 anos lograba o fito histórico. A Banda de Música de Pontevedra interpretou o himno do club.
VESTUARIOS:
Fredi: "Non fomos mellores que o Pontevedra pero tivemos tres ocasións moi claras"
FREDI: Era sincero o técnico visitante á hora de valorar o resultado, aínda que se lamentaba das ocasións que perdera o seu equipo na primeira parte: "Foi un partido moi intenso, como era de esperar. A nós déixanos un sabor agridoce, non porque fosemos mellores que o Pontevedra, que non o fomos, se non porque tivemos tres ocasións moi claras para poñernos por diante e se tivésemos metido algunha poderiamos facerlles moito dano, dado que eles necesitaban a vitoria,".
Non obstante escorreu o vulto á hora de pronunciarse sobre as xogadas polémicas na área compostelá: "Dous penaltis na nosa área?, ben, nas imaxes verase, eu dende a miña posición non podo opinar. A entrada de Iago Paz foi clave, porque dende ese momento os segundos balóns os gañaron eles, colleron o centro do campo e aínda que ás veces dominamos, eles nos gañaron a partida no segundo tempo e foron mellores, non deixándonos crear perigo. O meu vestiario está doído porque puidemos deixar moi encarrilada a clasificación, pero ao final o Pontevedra empurrou e tamén puido conseguir algún gol. Quédome con que o empate nos permite gañar o golaverage porque o xeneral o temos mellor, pero haberá que seguir loitando, que quedan 15 puntos en disputa e todos serán complicados".
Milo Abelleira: "O penalti de Santi vino claro, pero se se equivocan os internacionais, estes árbitros tamén se poden equivocar"
MILO ABELLEIRA: Resignado polos erros arbitrais que prexudicaran ao equipo, Milo Abelleira eloxiaba o traballo dos seus homes: "Os dous equipos xogamos un pouco ao mesmo, buscando ese segundo balón. Na primeira parte tivemos dez minutos que o fixemos ben, pero logo chegaron eses problemas en perdas de balón que lles deron opción de facernos dous ou tres goles, aínda que en situacións de erros nosos. Na segunda parte arranxamos iso e ao final creámoslle máis problemas ao rival, pero non acertamos nin tampouco tivemos a sorte de que nos pitasen eses dous penaltis a Santi e Moisés. Eu o de Moisés non o puiden ver, porque estaba pendente doutra cousa, pero o de Santi vino claro. O árbitro non debeu de velo, pero que lle imos facer, hai que ter tranquilidade, porque vendo o que vemos en árbitros internacionais, como o do día do Málaga, temos que entender que estes árbitros tamén se poden equivocar,".
"Todos queriamos a vitoria, pero non puido ser e o empate permítenos seguir pelexando. Non sei se Cristóbal Juncal se enfadou polo cambio, pero agora mesmo non está no seu mellor momento, non está preciso co balón e complícase, e cando o fai e falla, como na xogada do primeiro tempo, naquel pase horizontal, logo págao durante todo o partido".