Punto que vale ouro para o Teucro nun emocionante partido ante o Ciudad Encantada (21-21)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Ao Condes de Albarei Teucro, cando xoga no Pavillón Municipal dos Deportes, convén rematalo se se ten a oportunidade. Non o fixo o Ciudad Encantada, que a falta de 12 minutos dominaba por 4 goles (15-19) e terminouno pagando cun empate que a piques estivo de converterse en triunfo local.
Semella xusta a igualada nun encontro emocionante, disputado ata o extremo e ata polémico, cunha discutida acción final nunha contra de Edu Moledo cortada bruscamente por Pablo Vainstein que podía decantar o choque en favor dos locais. En todo caso o que foi é un exercicio de constancia e supervivencia dos azuis, que durante gran parte do partido foron a remolque no marcador pero que seguiron remando sen descanso axudados polo alento dos seus afeccionados.
As defensas impuxéronse no inicio do encontro, cun Ciudad Encantada forte no 6-0 especialmente na zona central que obrigaba aos pontevedreses a realizar lanzamentos forzados desde a primeira liña. Tamén se aplicaba o Teucro en defensa, e só Leo Maciel en portería empezaba a marcar diferenzas. O gardameta dos conquenses desesperou durante todo o partido aos catro extremos teucristas, aos que sacou inumerables accións en posición clara.
Tamén Santana aparecía na portería local, pero non impedía que a renda subise ata os tres tantos (6-9, minuto 21). Resistíanse os de Quique Domínguez, pero os visitantes estenderon o seu dominio ata o descanso (8-10).
O paso por vestiarios sentou ben ao Teucro, que nun inicio fulgurante e con goles de Dani Hernández, Balázquez e De Castro lograban igualar o marcador (11-11) nun dicir amén. Con todo os fallos en ataque aproveitábaos o Ciudad Encantada, que non afrouxaba e volvía tomar vantaxe.
O choque parecía escaparse ao pasar o ecuador do segundo tempo para desesperación local (15-19). Así o viu o público, que elevou a súa presión dando un impulso extra aos seus. Pedíanlles que non baixasen os brazos e conseguírono. Carlos García e Balázquez reducían a desvantaxe á metade e nin unha exclusión do capitán teucrista freaba a reacción. Os de Quique Domínguez subían a presión defensiva, gañaban a inferioridade e cun sete metros forzado por Borja Méndez e transformado por Carlos García conseguían empatar (20-20) a falta de menos de cinco minutos.
Agora si o Municipal era unha caldeira a piques de estoupar. Aos dous equipos custáballes atopar situacións de lanzamento e o tempo seguía correndo. Así, xusto dous minutos para a conclusión Borja Méndez facía estalar á parroquia local nunha gran acción individual baixo ameaza de pasivo para poñer por diante ao Condes de Albarei, o que non sucedía desde o 1-0.
Empataba despois o Ciudad Encantada cun sete metros trasnformado por Dutra. Restaban só 60 segundos e a posesión era local. Todo por decidir e moito por pasar, porque os azuis perdían o balón e daban a que parecía última opción aos visitantes. Foi entón cando apareceu Santana para deter o balón e sacar unha rápida contra para Edu Moledo con escasos segundos de tempo que Pablo Vainteins encargouse de parar 'polo civil ou o criminal'. Sete metros segundo a regulamentación, pero non o entenderon así os colexiados que nin sequera indicaron golpe franco nunha acción que podía cambiar o signo do partido e que provocou as protestas de xogadores e afección.
A pesar diso o Teucro pode darse por satisfeito co punto logrado ante un dos equipos revelación da tempada e que lle mantén nunha cómoda posición na clasificación de Asobal con 11 puntos, 5 por encima do descenso.
SD TEUCRO (21): Santana, Borja Méndez (3), Juan Quintas (1), Rial, De Castro (1), Edu Moledo (2), Gehrhardt -siete inicial- Balázquez (7) Iván Fernández, Samu Gómez (1), Carlos García (2, 1p), Dani Hernández (3, 1p), Ángel Iglesias (1), Moyano, Lloria, Samuel Pereiro.
CIUDAD ENCANTADA (21): Leo Maciel, Dutra (8, 3p), Vainstein (4, 1p), Doldan (2), Xavi Castro , Sergio López, Perovic (3) -siete inicial- David Mendoza , Alves (2), Marc Canyigueral, Hugo López (1), Nolasco, Rafael López (1), Fernández Galán, Kilian Ramírez.
Árbitros: Fernández Pérez e Iniesta Castillo (Valencia). Excluíron a Juan Quintas (2), Carlos García e Gehrhardt (2) no Teucro e a Marc Canyigueral, Leo Maciel e Alves no Ciudad Encantada.
Marcador cada cinco minutos: 2-2, 4-4, 4-5, 6-7, 8-9, 8-10, descanso, 12-13, 13-15, 15-18, 16-19, 19-20, 21-21.
Incidencias: Partido da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante 990 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de José Ludena, xerente do Ademar de León.