O Marcón segue subindo, o Campo Lameiro reencóntrase coa vitoria e o Sanxenxo tamén gaña
Por Redacción
Tres vitorias no últimas catro xornadas. O Marcón Atlético confirmou a súa inercia positiva cun valioso triunfo no campo dun rival directo pola permanencia, o Ribeiro (1-3).
Foi un choque dominado desde o inicio polos de Borja Burgos, que saíron a por o partido e adiantáronse xa no minuto 8 por medio de Valiñas. Sapi fixo o segundo ao cuarto de hora encarrilando a contenda.
Defendeu ben a súa renda o equipo pontevedrés desde ese momento a pesar dos intentos locais por recortar distancias, ata que a falta de 10 minutos Santi facía a sentenza, deixando só tempo para o gol da honra do Ribeiro.
Con este resultado o Marcón é décimo sexto con 17 puntos, abrindo catro de renda sobre os postos de descenso directo.
Consulta a acta do Ribeiro-Marcón Atlético.
Ao fin deixou atrás o Campo Lameiro mala serie de resultados ao lograr un valioso triunfo a domicilio ante o Pontellas (1-2).
Foi un encontro moi físico onde os verdes tomaron vantaxe no primeiro acto e no que se viron obrigados a replegarse no segundo ante o empuxe do equipo local para tentar igualar o marcador.
O primeiro tanto chegaría ao cuarto de hora nunha boa acción persoal de Fran Gadalmes, mentres que o segundo fíxoo Luís Arias no 35 ao rematar un balón na área pequena. O Pontellas recortaría distancias ao fío do descanso e apertou despois, pero o Campo Lameiro defendeuse con acerto para facerse con tres importantes puntos.
O triunfo deixa aos verdes na duodécima posición con 18 puntos.
Consulta a acta do Pontellas-Campo Lameiro.
A remontada do Xuventú Sanxenxo ante o Atios (3-2) válelle seguir o ronsel dos postos de ascenso directo, terceiros a un punto de distancia.
Foi un choque no que os amarelos tiveron que empregarse a fondo e no que non perderon a fe. Os visitantes tomaron vantaxe de penalti aos 53 minutos, despois dun primeiro tempo de igualdade.
Adrián Freire igualaba no 68 dando paso a uns 10 minutos finais de infarto. Javi Prieto poñía en vantaxe ao Sanxenxo, o Atios empataba só dous minutos despois e na seguinte acción Javi Nogueira facía o definitivo 3-2.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Atios.
Escapáronselle dous puntos ao un bo Unión Grove na casa ante o líder Estradense (1-1).
Os mecos tiveron na súa man un triunfo de moito valor ao xogar moitos minutos con vantaxe no marcador e mesmo en superioridade numérica, pero un penalti no último minuto supuxo as táboas para o cadro visitante.
Antes Rubén Carreira na primeira metade, no minuto 23, adiantara ao Grove tamén desde os once metros.
Co empate o Unión Grove colócase na sexta praza con 29 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Estradense.
Tamén empatou o Beluso, no seu caso no campo de Nogueira de Ramuín (1-1), nun partido no que rozou os tres puntos.
Os de Bueu golpearon primeiro, aos 12 minutos, por medio de Adrián Estévez, pero nunha competida segunda parte non conseguiron aguantar a súa vantaxe ao empatar o Nogueira no tramo final do encontro.
O Beluso queda así na décima posición con 22 puntos.