Gómez Noya, cuarto en Barhein, queda sen o millón de dólares
Por Diego Espiño
Non puido ser. Javier Gómez Noya queda, polo menos esta tempada, sen o maior premio en metálico do tríatlon mundial, a Tripla Coroa dotada cun millón de dólares.
O triatleta galego cumprira as dúas primeiras partes, vencer no Ironman 70.3 de Dubai e no Campionato do Mundo da distancia, pero fallou na terceira e última cita quedando sen a importante recompensa que ofrece o príncipe de Barhein.
Finalizou este sábado en cuarto lugar o Ironman 70.3 de Barhein, última proba no seu calendario esta tempada e que se adxudicou un debutante na distancia, o noruegués Kristian Blummenfelt, medalla de bronce esta tempada nas Series Mundiais ITU.
Empezaron ben as cousas nos 1.900 metros de natación, co aspirante ao millón de dólares saíndo da auga en primeira posición, seguido a 1:15 por Blummenfelt, Eric Watson e Terenzo Bozzone, outro dos favoritos.
Precisamente Bozzone puxo un alto ritmo nos 90 quilómetros de ciclismo e pronto pasou a liderar a carreira. Foi aumentando a súa renda ata a última transición, á que chegou con 3 minutos de renda sobre o debutante noruegués e con 6:55 sobre Gómez Noya.
Era momento para a carreira a pé, especialidade do galego noutras citas, pero non era o día e a renda era xa importante. A remontada foi para Kristian Blummenfelt, cuns parciais demoledores no medio maratón para voar cara ao seu primeiro triunfo na distancia 70.3. Chegou a meta cun tempo de 3 horas, 40 minutos e 24 segundos, superando en 38 segundos a Bozzone. O podio completouno Sven Riederer (3:47:14).
Javi Gómez Noya pola súa banda espremeuse para terminar a carreira no cuarto posto a 8 minutos do vencedor (3:48:25).
Relacionadas:
-
Gómez Noya arrasa en Cannes e presenta as súas credenciais na longa distancia
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya, a polo millón da Tripla Coroa
Por Diego Espiño |
-
400 deportistas participan no tríatlon homenaxe a Gómez Noya
Por Diego Torrado |
-
Gómez Noya pasa ao Ironman: "Quizais o ano que vén poida ser un bo ano para tentar Hawaii"
Por Diego Espiño |
-
Prata mundial para Gómez Noya tras unha vibrante Gran Final en Róterdan
Por Diego Espiño |