A sorprendente baixa de Narlyn Mosquera e un desastroso último cuarto condenan o Arxil (60-69)
Por Ramiro Espiño
Coma se dun segredo de estado tratásese, así mantivo o Arxil en segredo a sorprendente baixa Narlyn Mosquera. Os responsables arxilistas comentaban antes de comezar o partido fronte a Lima Horta que a convocatoria da pivot colombiana pola selección do seu país levouse co máis absoluto sixilo para non dar pistas anticipadas ao cadro barcelonés, pero o certo é que na contorna do club verde latexaba a dúbida sobre se a xogadora, regresará a Pontevedra tras esa suposta e misteriosa convocatoria.
Lembremos que Narlyn Mosquera xa protagonizou o culebrón do verán no Arxil, por diversos problemas de visado que impediron a súa chegada a Pontevedra ata a semana que comezaba a competición na liga Feminina 2, e que devanditos problemas coas súas xogadoras estranxeiras empezan a ser todo un clásico de cada ano no equipo verde.
O certo é que o conxunto de Mayte Méndez botou de menos a achega en puntos e rebotes da colombiana, pero as razóns da súa dolorosa derrota fronte a Lima Horta non hai que buscalas só aí, senón especialmente no desastroso último cuarto realizado, no que estiveron negadas de fronte ao aro rival, tardando nada menos que cinco minutos en anotar e logrando unicamente catro puntos no primeiros nove minutos dese período final, o que lles conduciu a perder un partido fronte a un rival que non fixo nada do outro mundo, pero soubo esperar e aproveitou os erros das pontevedresas.
Clave no partido resultou o cambio defensivo realizado nos últimos dez minutos polo conxunto barcelonés. O técnico catalán ordenou unha defensa zonal que se lles atragantou ás de Mayte Méndez, que non souberon como abordala, encadeando erro tras erro tanto no pase como no tiro a canastra.
Aínda por riba, o rendemento individual das arxilistas estivo en xeral a un frouxo nivel, sendo só Arantxa Mallou, cun 10 raspado, a que alcanzou os dobres díxitos de valoración, pero acumulando un raquítico 23% (3 de 13) nos tiros de campo, posiblemente lastrada por ter que alternar o posto de base co de "catro" na pintura, o que restou fluidez ao equipo, á conta de converterse na máxima reboteadora do partido, con 10 capturas.
A pesar dos erros locais, o partido foi igualado, cun Arxil que calcaba os datos anotadores nos tres primeiros parciais (17 puntos en cada un), para igualar os primeiros 10 minutos (17-17) e comezar o segundo cuarto irresistible, logrando un 9-0 en apenas tres minutos, que levou ao luminoso a máxima vantaxe local (26-17).
Parecía que as verdes podían encarrilar o partido, pero catro perdas de balón consecutivas permitiron a reacción das cataláns, que conseguiron achegarse para irse ao descanso só tres abaixo (34-31).
No terceiro cuarto comezaba o afundimento arxilista. A pesar de manter anotación, os erros nos pases e lanzamentos crecían e Lima Horta poñíase por primeira vez con vantaxe (37-39) en só dous minutos.
A partir de aí o Arxil xa non conseguiría máis nada que manterse a dous ata pechar o parcial (51-53), para entrar en modo "encefalograma plano" no último cuarto. Cinco minutos sen anotar levaban ao marcador un 51-60 que facía temer o peor. O que restaba non serviu máis que para deixar claro que a defensa en zona das catalás fora decisiva, permitindo só catro puntos ás verdes en nove minutos, para terminar gañando con autoridade (60-69).
Consulta as estatísticas completas do partido Arxil-Lima Horta nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Jelena Budimir, unha trotamundos do baloncesto para reforzar o xogo interior do Arxil
Por Redacción |
-
Derrota dun mermado Arxil na pista do Ibaizábal (71-64)
Por Redacción |
-
Sen noticias de Narlyn Mosquera a un día de enfrontarse ao Ibaizábal
Por Redacción |
-
O Arxil busca continuidade na visita do perigoso Lima Horta
Por Redacción |
-
Un Arxil de menos a máis trae a vitoria da pista do Añares Rioja (72-79)
Por Redacción |
-
O Arxil, ás voltas coas lesións
Por Redacción |