Poio Pescamar queda co mel nos beizos na última xogada do partido ante Burela (2-2)
Por Redacción
Ao Poio Pescamar sobráronlle escasamente uns segundos para levar a vitoria nun partido vibrante e competido no que as "rojillas", como o seu rival o Burela, demostraron a xustiza das súas aspiracións aos postos de honra que ocupan na clasificación como alternativas de poder ao actual campión Atlético de Madrid Navalcarnero.
As mozas de Marcio Santos encaixaron os dous goles nos últimos instantes de cada período, o segundo despois de remontar o tanto inicial das lucenses, que significaba o definitivo empate, a falta de tan só 12 segundos, na que era practicamente a última acción dun partido espectacular.
Dominio inicial do Poio Pescamar con presión moi arriba ante un Burela que se deixaba facer e que se agarraba aos remates de Dany, de media distancia, para nivelar forzas. Todo iso para dar paso a un partido táctico, no que ninguén estaba disposto a dar facilidades e como consecuencia escasas ocasións de gol e nula opción para o contragolpe.
A medida que pasaban os minutos o Poio Pescamar incrementaba o seu dominio en canto á posesión de balón, pero non atopaba ocos para inquietar á defensa lucense. Burela aproveitaríase dunha acción a balón parado, case no último suspiro para irse con vantaxe ao descanso. Cilene botaba unha falta, nunha acción ensaiada e Bea Mateos recibía desmarcada para poñer o balón na escadra desde dentro da área.
Tras o descanso o Poio Pescamar non tardou en irse a buscar o empate e a punto estivo de conseguilo moi pronto, pero Jozi salvou un man a man ante Ceci, quen pouco despois poñía de novo en perigo a portería visitante.
As lucenses mantíñanse firmes en defensa, ante un conxunto "rojillo" que subía a intensidade do seu xogo. Co paso dos minutos, as locais víanse obrigados a seguir arriscando na súa intensidade, con intercambio de ocasións que non incidían no marcador.
A falta de oito minutos para o final o Burela sumaba a súa quinta falta, pero o Poio Pescamar non sacou proveito de dous lanzamentos de dobre penalti, un de Ceci que rexeitou Jozi e pouco despois, era Iria Saeta quen lanzaba un tiro desde dez metros directamente.
Pero as mozas de Marcio Santos insistiron, logrando a igualada a seis minutos do final por mediación de Iria Saeta, que aproveitaba un balón rexeitado polo poste tras disparo afastado de Ceci.
O partido entraba na fase decisiva con dominio local e o Poio Pescamar daba a volta ao luminoso nun remate de Patri Corral, a pase de Ale de Paz, cun disparo cruzado pegado ao pau.
Con todo perdido o Burela recorreu ao xogo de cinco con Bea Mateos como porteira xogadora. A pesar de que o equipo local defendeuse ben, as lucenses tiveron paciencia e sangue fría movendo o balón de blado a lado ata que a falta de 12 segundos, case na última xogada do partido lograban empatar ao aproveitar Lara Balseiro un gran pase interior ao segundo pau para marcar a pracer.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Ceci, Jenny Lores, Iria Saeta e Patri (quinteto inicial). Tamén xogaron, Cárol e Ale de Paz.
PESCADOS RUBÉN BURELA (2): Jozi; Dany, Cilene, Lara e Bea Mateos (quinteto inicial). Tamén xogaron, Julia Forsiuk, Sara Correia, Judith e Tai.
Árbitros: Carlos Martínez Torres e Rubén Ferrero Carballal (Galicia). Amoestaron a Julia Forsiuk, Bea Mateos e Cilene no Pescados Rubén Burela.
Goles: (0-1) Minuto 20: Bea Mateos. (1-1) Minuto 36: Iria Saeta. (2-1) Minuto 38: Patri Curral. (2-2) Minuto 40: Lara Balseiro.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 400 espectadores.