A Guijuelo a por un triunfo que evite abafos
Por Diego Espiño
Case un mes leva sen gañar o Pontevedra Club de Fútbol en liga. Catro xornadas nas que pasaron moitas cousas que o club granate quere deixar atrás canto antes, o que só conseguirá volvendo gozar da vitoria.
Para iso o equipo adestrado por Luisito deberá mellorar este domingo (17:00 horas) o seu rendemento a domicilio, onde só sumou 3 de 21 puntos posibles, nun estadio que nos últimos anos foille pouco propicio, o Municipal de Guijuelo.
Das cinco veces que o Pontevedra visitou a localidade salmantina en Segunda B, só na tempada 2015/2016 regresou cunha vitoria pola mínima (0-1). O resto de viaxes a Guijuelo saldáronse con dúas derrotas e un empate, ao que hai que sumar a eliminación en Copa do Rei tamén na 2015/2016.
Iso en todo caso é parte xa do pasado e o Guijuelo non se está mostrando especialmente fiable no seu estadio, instalación dotada con céspede artificial na que xa cedeu tres derrotas e dous empates esta campaña. Con todo o conxunto adestrado por Jordi Fabregat chega á cita despois de cinco encontros sen perder.
Trátase dunha dinámica oposta á dos granates, que no últimas catro xornadas só foron capaces de rascar dous puntos para verse agora en apertos na clasificación, empatados non só co seu próximo rival senón tamén cos postos de descenso. De aí a importancia do choque para os de Luisito.
O técnico de Teo recupera para o partido a David Goldar tras a súa sanción, sendo precisamente a principal dúbida cal será a formación na retagarda e por que esquema apostará, por manter a liña de tres centrais que funcionou ante o Navalcarnero ou volver á defensa de catro homes.
Os que quedan nesta ocasión fóra da convocatoria son o lesionado Jimmy, Carlos Ramos recentemente incorporado ao grupo tras os problemas musculares das últimas semanas, Iván Martín e Miguel.
Si terá baixas por sanción o Guijuelo, que non poderá contar co central Ayala nin co centrocampista Carlos Rubén, ambos os dous sancionados por acumulación de amoestacións.
O colexiado designado para o encontro é o castelán-manchego Antonio Alberola Rojas.