Unha polémica decisión arbitral priva o Cisne de puntuar en Torrelavega (32-31)
Por Redacción
Bo partido a pesar da derrota do Cisne en Torrelavega. Os de Jabato rozaron un empate que mereceron e que impediu unha polémica acción arbitral nos últimos segundos, sinalando falta en ataque a Dani Ramos cando Javi Vázquez íase só cara á portería cántabra. Con todo, os brancos melloraron sensiblemente a súa deficiente imaxe de xornadas anteriores.
Nesta ocasión o Cisne venceu a súa habitual mala posta en escena para comezar mandando cunha máxima diferenza de tres goles (3-6), e levando a iniciativa no marcador ata o minuto 15 en que Torrelavega, cun parcial de 3-0 daba a volta e poñíase por primeira vez por diante (8-7).
A partir de aí foron os cántabros os que dominaron, pero sen lograr escaparse máis de dous goles, respondendo os pontevedreses a cada tanto do conxunto local. Andrés Sánchez sostiña aos seus en ataque, mentres que defensivamente Dani Fernández que suplía a sorprendente baixa de Pablo Galán na portería, tiña dificultades para achegar paradas, nun partido con ritmo e rápidas transicións que finalizaban con lanzamentos cómodos nunha e outra área.
Ao descanso o mínimo resultado (16-15) para Torrelavega facía albergar esperanzas e deixaba as portas abertas a conseguir algo positivo, pero ao pouco de renovarse o partido Tenorio recibía a segunda exclusión, condicionando a súa achega no resto do partido.
José Carlos Hernández e Nico comezaron a ser un pesadelo para os galegos e Jabato víase obrigado a parar o partido ao ver que Torrelavega abría brecha (23-19, minuto 40). Funcionou, pero por curto espazo de tempo. Andrés Sánchez e Javi Vázquez reducían a dous a desvantaxe, pero outra vez Jose Carlos Hernández tiraba dos seus para entrar nos últimos 15 minutos cos catro goles de vantaxe (25-21).
Nin sequera a exclusión do xogador local Dalmau Huix serviu para moito máis que para seguir facendo a goma, sen conseguir que a diferenza baixase dos dous tantos, con intercambio de goles e tamén de exclusións froito da rigorosidade arbitral que penalizaba case calquera contacto, contribuíndo a que as xa de seu pouco afortunadas defensas fosen aínda máis permeables.
Pero lonxe do sucedido en xornadas anteriores, o Cisne non se rendeu nin sequera cando todo parecía perdido con 30-27 e sete minutos por diante. Os de Jabato fóronse arriba sen complexos logrando un parcial de 0-4 para darlle a volta ao marcador (30-31) a falta de dous minutos e medio.
Torrelavega pediu tempo morto e con goles de Villalobos e Dalmau recuperaba a dianteira (32-31). Foi entón cando tras ataques errados de ambos os equipos, o Cisne recuperou posesión nunha última acción ofensiva a falta de 10 segundos na que Javi Vázquez íase só cara a portería para buscar o empate, pero a parella arbitral, os madrileños Raúl Rodríguez Díaz e Bernardino Fernández García, impedírono sinalando unha inexistente falta en ataque no medio campo a Dani Ramos.
Consulta as estatísticas do partido entre Torrelavega e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Partidazo do Cisne e punto de mérito na pista do líder Alcobendas (23-23)
Por Redacción |
-
Un Cisne de dúas caras gana con autoridade a Palma del Río (29-24)
Por Ramiro Espiño |
-
Un desastroso inicio de partido, clave na derrota do Cisne ante o Ca'Mario Lanzarote (28-29)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Cisne cede en Antequera na segunda metade (31-28)
Por Redacción |
-
O Cisne regala o "partido dos despropósitos" a un discreto Barcelona B (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |