José Luis Torrado 'O Bruxo', homenaxeado polo Comité Olímpico Mexicano
Por Redacción
A historia do olimpismo garda un pequeno espazo para a lenda dun masaxista e recuperador pontevedrés, José Luis Torrado 'O Bruxo'.
Así o soubo recoñecer este xoves, nun acto celebrado en Santiago de Compostela, o Comité Olímpico Mexicano, que quixo homeaxear O Bruxo entregándolle unha medalla e un diploma polo seu labor nos Xogos de 1968, a primeira cita olímpica das cinco ás que acudiu como preparador do equipo nacional español de atletismo.
Torrado empezou a forxar a súa historia no deporte nacional e internacional en México, onde non se negou a atender a todo deportista doutro país que llo solicitaba. Así, por exemplo, conseguiu que o triplista italiano Gentile superase unha lesión na fase de clasificación para facerse cunha medalla, ou axudou a que o norteamericano Bob Seagren gañase a medalla de ouro no salto con pértega.
Esa xenerosidade, unha constante en toda a súa carreira e que se trasladou á súa clínica pontevedresa por onde pasaron grandes nomes do deporte durante anos, valeulle agora, case 50 anos despois, unha cariñosa homenaxe.
Foi Olegario Vázquez, membro do Comité Olímpico Internacional, o que coñeceu a historia de José Luis Torrado e propuxo recoñecer o seu labor.
Ao acto acudiron ademais o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, e a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez.
Relacionadas:
-
Adeus a unha lenda: falece José Luis Torrado 'O Bruxo' aos 88 anos
Por Ramiro Espiño |
-
A familia do Atlético Estación homenaxea a Jose Luís Torrado e a Rosa, expresidenta da entidade
Por Redacción |
-
O Comité Olímpico Español homenaxeará a José Luis Torrado 'O Bruxo'
Por Redacción |
-
RADIO.- José Luis Torrado "O Bruxo", pese a quen pese
Por Marisa Ciordia |