O Marcón cae ante o líder, o Sanxenxo tamén cede e o Unión Grove dispárase
Por Redacción
A caste non lle bastou ao Marcón Atlético para sacar algo positivo da visita ao campo do Carrasco do líder do Grupo Sur de Prefente, o Estradense (1-3).
A pegada do conxunto visitante serviulle para golpear primeiro no ecuador da primeira metade e para encarrilar o choque no inicio da segunda con dous tantos máis.
Pese ao resultado en contra, agravado coa expulsión de Christofer no minuto 67, os de Borja Burgos non baixaron os brazos e recortaron distancias no 75 por medio de Gelillo.
Ata o final os locais puxeron en problemas ao Estradense, pero sen atopar premio ao seu esforzo, polo que quedan na penúltima posición con 8 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Estradense.
Terceira vitoria consecutiva en liga para o Unión Grove, que superou no Monte da Vila ao Beluso (3-1) e dispárase ata a quinta praza con 22 puntos.
Foi un encontro máis igualado do que reflicte o marcador final, no que o cadro meco golpeou primeiro ao fío do descanso cun gol de Saúl.
Os locais fixeron o segundo, obra de Pablo González, no minuto 50, pero o Beluso reaccionou para recortar distancias un minuto despois por medio de Colmenero e apertar en busca do empate. Con todo, xa no último minuto, o que chegaría sería a sentenza co terceiro do Grove anotado por Martín.
Coa derrota o Beluso cae á undécima praza con 17 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Beluso.
Segunda xornada consecutiva sen gañar para o Xuventú Sanxenxo, que saíu derrotado da súa visita ao campo do Moaña (2-1).
Nun choque xogado de poder a poder os amarelos adiantáronse ao comezo do segundo tempo cun gol de Hugo, pero non puideron reter a súa vantaxe e os locais remontaron cun tanto de penalti no minuto 55 e outro no 81.
O Sanxenxo cae á terceira posición tras a derrota con 24 puntos.
Consulta a acta do Moaña-Xuventú Sanxenxo.
O Campo Lameiro deixou atrás a súa mala serie de tres derrotas seguidas para polo menos conseguir sumar un punto na Chanciña ante o Alertanavia (1-1).
Os verdes viron como o cadro visitante tomaba vantaxe ao fío do descanso, pero repuxéronse e lograron salvar o empate cun gol de Miguel Pérez no minuto 71 de xogo.
Con este resultado o Campo Lameiro colócase na décimo terceira posición con 15 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Alertanavia.
Relacionadas:
-
Triunfo vital do Marcón ante o Campo Lameiro, vitoria do Grove e empates de Sanxenxo e Beluso
Por Redacción |
-
O Marcón toma aire á conta do Alertanavia, o Beluso golea ao Campo Lameiro e o Sanxenxo tropeza
Por Redacción |
-
Goleada do Beluso a un Marcón que cae á última posición en Preferente
Por Redacción |