"Obxectivo encher A Seca" no Poio Pescamar para recibir ao líder
Por Redacción
Non é un partido máis o que debe afrontar este sábado (18:30 horas) o Poio Pescamar da Seca, e por iso propúxose o obxectivo de encher as bancadas do pavillón.
O equipo vermello, cuarto na liga con 16 puntos tras encadear cinco vitorias consecutivas, quere seguir soñando con conseguir algo grande esta tempada na máxima categoría.
As xogadoras adestradas por Marcio Santos reciben a visita do actual líder, o Jimbee Roldán.
O cadro murciano conta con tres puntos máis que o Poio e só cedeu un empate nas sete xornadas de liga, por iso desde o club pontevedrés puxéronse ao choio coa idea de que a afección marque o primeiro gol.
Así a directiva está a repartir unha serie de entradas en colexios do municipio, comercios e tamén en oficinas dun dos seus patrocinadores, Abanca. Todo para converter A Seca nun fortín nun choque que esperan lles axude a consolidarse na zona nobre da clasificación.
CAROLINA AGULLA, COA SELECCIÓN NACIONAL
Carol participa estes días coa Selección Española Sub-17 na fase de lcasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade que se disputarán en 2018 en Buenos Aires.
A canteirá do Poio Pescamar colaborou cun bo número de minutos e cun gol na cómoda vitoria de España no seu debut na competición ante Kazajistán (16-1).