Sanxenxo acollerá en xullo, por vez primeira, unha xornada da Liga San Miguel de Traíñas
Por Alejandro Espiño
Sanxenxo terá presenza este ano na Liga San Miguel de Traíñas. Farao tras pecharse o acordo entre o Concello e a Asociación de Clubs de Traineras polo cal, a terceira xornada desta competición, que se celebrará o próximo mes de xullo, terá lugar en augas sanxenxinas. Así se desvelou trala firma do convenio entre ambas entidades.
A Bandeira Sanxenxo, prevista para o 6 de xullo, será a primeira proba destas características que se desenvolverá en augas da vila, concretamente entre Punta Vicaño e o Porto Deportivo Juan Carlos I. "A emblemática praia de Silgar será testemuña dun espectáculo do máis alto nivel competitivo e que a ben seguro suporá un reclamo máis para visitar este destino turístico", apuntou Catalina González.
Será a terceira regata puntuable da competición e primeira das dúas que se celebrarán en terras galegas a próxima tempada "polo que Sanxenxo será parada obrigada do remo na próxima tempada", incidiu a alcaldesa, o que sinalou "reportará beneficios a nivel turístico para este concello tendo en conta a repercusión desta proba na que participarán 240 remeiros chegados dende o Pais Vasco, Cantabria e Galicia".
As tripulaciones cántabras de Astillero, Castro Urdiales e Pedreña, as vizcaínas de Kaiku Ambilamp, Portugalete Eulen e Urdaibai Umpro Avia, as guipuscoanas de Hondarribia Orsa, Orio Babyauto, San Juan Iberdrola, San Pedro Ecolmare e Zumaia Altuna e Uria, e a galega de Tirán Pereira competirán por levarse unha das bandeiras máis importantes da tempada, que nesta ocasión contará coa colaboración do Club de Remo Amegrove.
Ademais, unha hora antes do inicio desta cita terá lugar tamén unha regata de Liga Galega con outros 150 deportistas.
Sanxenxo iniciará, pois, a campaña de verán 2013 coa presenza no concello "dun gran número de afeccionados e acompañantes dos regatistas que permanecerán aloxados nos establecementos locais", engadiu a rexedora que destacou o equipo humano e a loxística que precisará a realización desta competición para a que será necesaria habilitar catro salas dedicadas a organización e antidopaxe, ademais de aparcamento para máis dunha ducia de autobuses, xunto con remolques e vehículos.
Pola súa banda, o gerente da Asociación de Clubs de Traineras, Iñaki Mikeo, explicou que Sanxenxo, como referente indiscutible do deporte e o turismo de Galicia, "abre sus brazos con un sentimiento de aproximación al resto de la cornisa cántabro-atlántica con la villa y el espectáculo deportivo como protagonistas". E sinalou que a presentación da Liga 2013 está convocada para o 8 de xuño no Palacio Kursaal de San Sebastián e nela Sanxenxo contará cun papel destacado.