Un derbi provincial para recuperar sensacións
Por Diego Espiño
Esquecer canto antes a derrota encaixada en Majadahonda e volver mirar cara arriba na clasificación é o obxectivo do Pontevedra na visita este domingo (17:00 horas) do Coruxo ao Estadio Municipal de Pasarón.
Non logrou vencer o equipo vigués aos granates nos seus seis enfrontamentos previos na categoría, pero non se fía un Pontevedra que é conciente da calidade do plantel que dirixe o pontevedrés Rafa Sáez.
Será ademais un derbi provincial marcado polos incendios forestais, e é que o Coruxo viuse afectado pola dura situación vivida en Galicia, prestando apoio aos veciños da zona e tendo que cambiar de lugar de adestramento, debido a problemas ocasionados no seu campo de prácticas habitual.
Rafa Sáez non poderá contar co ex-granate Adrián Pazó no centro da defensa, que se recupera dun golpe no pé.
Pola súa banda no Pontevedra Luisito segue pendente do estado físico de dous futbolistas, o pichichi David Añón e o centrocampista Álex González, dúbidas durante a semana. A pesar diso o adestrador local convocou a todos os xogadores do primeiro plantel e non será ata pouco antes do partido cando decida a lista final de 18.
Para este encontro o club mantén o prezo das entradas con respecto á anterior cita en casa: 25 euros en Tribuna, 20 en Preferencia e 15 euros nos fondos (xuvenís e infantís 5 e 3 euros respectivamente).
O colexiado designado para o choque é o madrileño Hugo José López Puerta.
Relacionadas:
-
Na última xogada do partido o Pontevedra cae en Ponferrada (1-0) tras facer un exercicio de supervivencia
Por Redacción |
-
Remontada milagrosa dun gris Pontevedra fronte un Coruxo sen puntería que merece gañar (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
David Añón e Álex González, entre algodóns
Por Redacción |
-
Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción |