O Cisne regala o "partido dos despropósitos" a un discreto Barcelona B (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Cisne e Barcelona B posiblemente batesen un record mundial de despropósitos no CGTD. Coma se ambos os equipos estivesen empeñados en non gañar, rivalizaron en constantes perdas de balón en ataques que finalizaban sen lanzamento así como en faltas de ataque. E en ambas as facetas os locais foron tristemente "mellores", regalando aos cataláns un partido que tiveron gañado ao comezo de cada período e deixaron escapar ao final polos seus desacertos.
Foi unha tarde absolutamente negada dos de Jabato. E iso que enfronte tiveron ao Barcelona B máis discreto que se lembra en moitas tempadas. Os azulgrana simplemente esperaron o seu momento, reduciron lixeiramente o número de fallos nos pases, e aproveitáronse da tarde aciaga dun Cisne empeñado en pegarse un tiro no pé ata conseguilo nun final de sainete cómico.
Como dato que resume o que foi o partido basta apuntar que o Cisne superou as 20 perdas de balón nas súas accións ofensivas, non por acertos defensivos do seu rival, senón como consecuencia de erros nos pases. Se a iso unimos outra cifra superior á decena de faltas en ataque, é fácil concluír que así é imposible gañar un partido.
E iso que o Barcelona puxo o seu para que os brancos lograsen gañar a pesar de todo. Os primeiros 10 minutos aparecían aventurar un partido ben distinto, cun Cisne acertado e contundente nas súas accións ofensivas, que superaba sen problemas o 6-0 defensivo dos visitantes, especialmente a través dos lanzamentos de Pablo Gayoso. A consecuencia foi que os pontevedreses escapáronse (9-4) con cinco goles de renda que facían presaxiar un cómodo triunfo local.
Pero o Barcelona B cambiou sistema defensivo a un 5-1 que foi suficiente para molestar e causar un curtocircuíto nos brancos, que empezaron a acumular erros ata levar o partido ao 12-11, cinco minutos antes do descanso.
Entón empezou o "festival dos horrores". De forma consecutiva, Cisne e Barcelona B empeñáronse en regalar opcións ao contrario, cometendo tres faltas de ataque e dúas perdas de balón consecutivas cada un, ata que case ao límite Javi Vázquez lograba o 13-11 con que se ían ao vestiario.
O sucedido ao comezo da segunda parte foi un calco da primeira. De novo o Cisne pareceu activarse, apoiado nas dificultades catalás para facer dano desde a súa primeira liña. Andrés Sánchez primeiro (16-12) e Álex Chan despois (19-15) devolvían aos locais unha renda relativamente cómoda (minuto 45), mesmo con varias opcións de irse de cinco. Pero aí chegou o desastre. Non foi a máis o Barcelona, simplemente pasou a non cometer tantos e tan groseiros erros como os pontevedreses.
Sen chegar a poñer a proba ao porteiro catalán, sinó repetindo unha e outra vez perdas de balón en ataque, o Cisne cavou a súa tumba e o Barcelona B aproveitouno para poñerse por primeira vez arriba a falta de dez minutos (19-20).
Un novo gol visitante para redondear un parcial de 0-6, obrigaba a Jabato a pedir tempo morto. A tímida reacción dos brancos permitiulles igualar (21-21), pero os erros volveron e o conxunto azulgrana foi quen menos cometeu nesa recta final.
O resumo deixouno o último minuto. Con 23-24 o Cisne pode empatar, pero Álex Chan comete falta en ataque. Os visitantes precipítanse e lanzan fóra, deixando 23 segundos para unha última acción e polo menos rescatar un punto. Nin así. Unha nova falta en ataque, nesta ocasión de Dani Ramos, puxo rúbrica a un partido esperpéntico.
BM CISNE (23): Pablo Galán; Álex Chan (3), Andrés Sánchez (3), Javi Vázquez (3, 1 de penalti), Dani Ramos (1), Pablo Gayoso (6), Álex Pombo (2) -sete inicial-, Dani Fernández (p.s.); Alberto Casares (1, de penalti), Tenorio, Pablo Picallo (3), Miguel Simón (1), Carlos Pombo, Alejandro Conde, Dani Tolmos e Bruno Vázquez.
FC BARCELONA B (24): Jorge Pérez; Ramón Pumariega, Adriá León (7), Joán Amigó, Roger Manzano (4), Pau Oliveras (2), Pere Vaqué (4, 3 de penalti) -sete inicial-, Guillem (p.s.), Gerard Forns (p.s.); Víctor Tremps (2), Mamadou (2), Jordi Sancho, David Estepa, Álex Pascual (3) e Andi.
Árbitros: Carlos Javier Gude Prego e Juan José Gude Prego (Euskadi). Excluíron dous minutos a Alberto Casares, Álex Chan, Carlos Pombo e Dani Ramos, no Cisne, e a Ramón Pumariega, Adriá León, Víctor Tremps e Álex Pascual, no Barcelona B.
Marcador (cada cinco minutos): 5-3, 7-4, 9-6, 11-8, 12-10, 13-11 (descanso), 15-12, 17-15, 18-15, 19-19, 22-22 e 23-24.
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Unha polémica decisión arbitral priva o Cisne de puntuar en Torrelavega (32-31)
Por Redacción |
-
Un desastroso inicio de partido, clave na derrota do Cisne ante o Ca'Mario Lanzarote (28-29)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Cisne cede en Antequera na segunda metade (31-28)
Por Redacción |
-
Lastrado por unha mala posta en escena o Cisne cae goleado en Cidade Real (28-22)
Por Redacción |
-
O Cisne pon en xogo a súa condición de invicto en Cidade Real
Por Redacción |
-
Sinfín desquítase da derrota ligueira e apea ao Cisne da Copa do Rei (35-38)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis difícil do que indica o marcador, pero o Cisne gaña con solvencia a Handbol Bordils (36-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |