Dura derrota para o Marcón en Ourense e triunfos con festival de goles para Sanxenxo e Campo Lameiro
Por Redacción
Incontestable derrota a que encaixou o Marcón Atlético no campo dun dos grandes favoritos ao ascenso, a UD Ourense (5-2).
Os pontevedreses a pesar diso mostraron a súa resistencia tras verse antes da media hora de xogo con dous goles de desvantaxe.
Sapi e Román igualaron antes do descanso, pero na continuación o poderío ofensivo dos locais terminou decidindo o encontro.
Coa derrota os de Borja Burgos caen á penúltima posición de Preferente con 4 puntos.
Consulta a acta do UD Ourense-Marcón Atlético.
Festival de goles e partido tolo o protagonizado por Xunventú Sanxeno e Pontellas no campo de fútbol de Baltar de Arriba (5-4).
En cinco minutos finais frenéticos, os amarelos deron a volta con tres goles a un encontro que parecía perdido para facerse coa súa quinta vitoria en sete xornadas de liga.
Empezou ben o choque para o Sanxenxo, que con dous goles de Javi Nogueira tomaba vantaxe no marcador. Con todo o Pontellas recortou distancias antes do descanso e con tres goles ao comezo do segundo acto poñíase en posición de levar os tres puntos en xogo. Foi así ata a tolemia final, cos tantos locais de Aitor Gómez (2) e Adrián.
O triunfo deixa aos de Baltar de Arriba na terceira praza con 16 puntos, a só dous do liderado.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Pontellas.
Outro partido con tolemia final a base de goles foi o que enfrontou a Valladares e Campo Lameiro (3-4).
Un hat-trick de Luís Arias, con dous deses goles no últimos catro minutos de encontro, volteou o marcador para dar aos da Chanciña unha valiosa vitoria.
O Campo Lameiro adiantouse no primeiro minuto de xogo grazas a Pablo Silva, pero os locais tomaron vantaxe antes da media hora poñendo o 3-1. Luís recortou distancias antes do descanso, e os verdes non se deron por vencidos ata atopar premio no tramo final cando o Valladares xogaba en inferioridade numérica.
Este resultado deixa ao Campo Lameiro na zona alta da táboa, quinto con 13 puntos.
Consulta a acta do Valladares-Campo Lameiro.
Polémica derrota a encaixada polo Beluso no campo do Porriño Industrial (5-3).
Os de Bueu mostraron unha boa imaxe na primeira metade do encontro e chegaron a adiantarse no marcador por medio de Nacho, aínda que a alegría durou pouco e os locais igualaban antes do descanso.
Pese ao que o Porriño marcou o segundo na continuación o Beluso seguiu pelexando para empatar en inferioridade numérica cun gol de Adrián aos 73 minutos. Con todo un minuto despois chegaría a segunda expulsión no equipo, que os locais aproveitaron para sentenciar con comodidade nos minutos finais.
O colexiado mostrou ata 12 cartolinas amarelas aos de Bueu, entre xogadores e corpo técnico coas expulsións de Óscar Millán e Iván e do adestrador do equipo, ademais de expulsar con vermella directa ao preparador físico Marcos Teixeira.
Coa derrota o Beluso cae á oitava posición con 11 puntos.
Consutal a acta do Porriño Industrial-Beluso.
Derrota tamén do Unión Grove, que non puido reter a súa vantaxe no campo do Atios (2-1).
O cadro meco tomou a dianteira aos 11 minutos cun gol de Rubén, pero os locais remontaron na segunda metade deixando sen capacidade de reaccionar ao Grove.
A derrota failles situarse na metade da clasficación, sendo agora undécimos con 11 puntos.