Remonta o Ribadumia, sorprende o Céltiga en Villalba, cae o Villalonga na casa e segue sen arrancar o Arosa
Por Redacción
Inesperada derrota do Villalonga en San Pedro. Aos celestes escapáronselle os puntos no último suspiro ante o Bergantiños despois de facer o máis difícil, nun segundo tempo vibrante e cheo de alternativas.
Despois dun primeiro período igualado e sen goles, no segundo as alternativas foron constantes. Adiantáronse os de Carballo aos 56 minutos, por medio de Baleato, pero o Villalonga logrou remontar con goles de Adrián Padín (minuto 61) e Aarón Paredes (minuto 72).
Pero cando as bancadas de San Pedro xa case saboreaban a vitoria, o Bergantiños fixo dous goles no último minuto, conseguidos por Pablo Antas e Borja Facal, para levar os tres puntos e manterse en zona de play-off.
Consulta o acta do partido Villalonga-Bergantiños nesta ligazón.
Primeiro tempo vibrante na Senra e remontada dun Ribadumia que escala posicións á conta dun Alondras que empezou ben, pero foi a menos a medida que pasaban os minutos.
Os de Antonio sacaban proveito da velocidade que imprimiron ao seu xogo adiantándose no marcador aos 13 minutos por medio de Gabri, pero a reacción do conxunto local non se fixo esperar e Hugo Soto empataba tres minutos despois, aproveitando un rexeite na área.
Pasada a media hora de partido Fran Fandiño iniciaba unha xogada por banda e terminaba rematándoa el mesmo, facendo o 2-1 tras combinar con Josiño e Hugo Soto.
Na segunda parte seguiu a igualdade, aínda que as mellores oportunidades foron para o Ribadumia, especialmente en dous man a man de Hugo Soto e Cerqueiras, que non lograron superar ao porteiro visitante Álex Vila.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Alondras nesta ligazón.
Segue sen arrincar o Arosa que vai camiño de converterse no rei do empate (cinco acumula xa nas oito xornadas de liga). Nesta ocasión os de Jorge Otero volveron demostrar que teñen a pólvora mollada e non lograron perforar a meta do modesto Laracha.
Con este punto o equipo vilagarcián segue coqueteando coa zona baixa da táboa, en décimocuarta posición con só oito puntos, os mesmos que ten Cultural Areas, que ocupa praza de descenso directo.
Consulta o acta do partido Laracha-Arosa nesta ligazón.
Segunda vitoria consecutiva do Céltiga, ao que parece sentar de marabilla a substitución na dirección técnica. Os insulares deron a sorpresa na Magdalena, impoñéndose a un sempre complicado Racing Villalbés.
Un gol de Uru, ao pouco de comezar o segundo tempo, serviu para sumar tres importantes puntos que afastan ao conxunto branquivermello dos postos baixos da táboa.
Consulta o acta do partido Racing Villalbés-Céltiga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Arosa e Ribadumia atopan o gol, o Villalonga frea ao líder e o Céltiga estrélase ante o Compostela
Por Redacción |
-
Vitorias do Ribadumia sobre o Ourense, Arosa en Boiro e Céltiga en Barbadás e derrota do Villalonga en Redondela
Por Redacción |
-
Ceden en casa Villalonga e Celtiga, o Arosa logra a súa segunda vitoria e o Ribadumia arranca un punto
Por Redacción |
-
Triste empate entre Arosa e Ribadumia mentres Céltiga e Villalonga sacan proveito do mal momento de Laracha e Negreira
Por Redacción |
-
O Ribadumia gaña o derbi da necesidade ao Céltiga mentres caen Villalonga e Arosa
Por Redacción |
-
Primeiro triunfo do Arosa, gaña tamén o Villalonga e caen goleados Céltiga e Ribadumia
Por Redacción |