Lastrado por unha mala posta en escena o Cisne cae goleado en Cidade Real (28-22)
Por Redacción
Esta vez non houbo milagre e se en Santander o Cisne conseguiu remontar o seu mal primeiro tempo para terminar vencendo, en Cidade Real un necesitado Alarcos non lle deu opción, endosando aos de Jabato un duro correctivo, cimentado na súa mellor posta en escena e ampliado ata a goleada en once minutos negros na segunda parte na que os pontevedreses encaixaron un parcial de 7-0 que facía imposible calquera posibilidade de puntuar.
O equipo branco foi a remolque desde o asubío inicial. Alarcos, que chegaba ao partido obrigado a gañar e demostrar as súas aspiracións de estar cos mellores, abriu pronto un oco de cinco goles nos primeiros oito minutos de partido, que foi mantendo e mesmo superando por momentos ata retirarse ao descanso cunha clara vantaxe (17-12) que reflectía que nos visitantes pouco ou nada funcionara, nin en defensa nin en ataque.
Os comezos da segunda parte pareceron abrir unha xanela á esperanza, cun Cisne que se achegaba a tres (18-15) superado o minuto 35, pero aí chegou o desastre. Os once minutos seguintes foron demoledores e Alarcos conseguiu un 7-0 que elevaba o marcador ata un duro e elocuente 25-15.
Todo estaba decidido, aínda que o Cisne por fin tirou de orgullo e maquillou o resultado, achegándose con outro parcial de 0-4, para poñerse a seis (25-19). Ata aí chegou a súa resistencia. Alarcos pediu tempo morto e á volta mantivo a súa renda con comodidade para terminar impoñéndose de forma clara (28-22).
Consulta o acta do partido Alarcos Ciudad Real-Cisne nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Cisne cede en Antequera na segunda metade (31-28)
Por Redacción |
-
O Cisne regala o "partido dos despropósitos" a un discreto Barcelona B (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne pon en xogo a súa condición de invicto en Cidade Real
Por Redacción |
-
Sinfín desquítase da derrota ligueira e apea ao Cisne da Copa do Rei (35-38)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis difícil do que indica o marcador, pero o Cisne gaña con solvencia a Handbol Bordils (36-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |