A tempada de ciclocrós abre en Marín
Por Redacción
Marín dará o pistoletazo de saída este domingo 8 de outubro a tres meses de competición para os especialistas do ciclocrós galego.
O circuíto de Chan de Xaxán será escenario da XV edición do Trofeo Ría de Marín, primeira proba puntuable da Copa Galicia da especialidade.
A competición, puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, arrincará ás 9:45 horas coa carreira de promoción, aperitivo das probas puntuables para a Copa Galicia.
Ás 10:00 horas será quenda das categorías cadete e master, ás 11:00 das junior, sub-23, elite e master femininas e ás 12:00 horas das categorías junior, elite e sub-23 masculinas.
A Copa Galicia de Ciclocrós amplía este ano o seu calendario con tres novas carreiras ata un total de 14, entre as que se atopan tamén as previstas en Poio no mes de novembro e en Pontevedra no de decembro.
A tempada autonómica desta especialidade ciclista pecharase o 31 de decembro coa celebración do Campionato de Galicia.