Os erros defensivos condenan o Leis no Barco
Por Redacción
Mala tarde para o Leis Pontevedra na segunda xornada de competición da Segunda División B de fútbol sala, ao caer derrotado on claridade no Barco de Valdeorras ante o Pizarras Tres Cuñados (5-2).
Os erros defensivos pesaron demasiado nos pontevedreses, que quedan cun só punto na táboa clasificatoria no décimo posto.
O choque comezou xa costa arriba para os de Manu Cossío, que nun desaxuste concedían o 1-0 no primeiro minuto de xogo e no minuto 9 repetía a situación para verse dous goles por baixo.
Foi entón cando reaccionou o Leis contando con ocasións para meterse no choque, pero a falta de acerto evitouno e terminouno pagando xa na segunda metade. Dous tantos nos tres primeiros minutos tras a continuación foron definitivos.
Cossío apostou entón polo porteiro xogador e o Leis recortou distancias con dous goles de Sergio para levar emoción aos últimos minutos, ata que os locais fixeron o definitivo 5-2.