O Marcón salva un punto e o Unión Grove rompe a imbatibilidade do Sanxenxo
Por Redacción
Sabe a pouco o empate conseguido polo Marcón Atlético ante o Valladares no Carrasco (1-1), pero polo menos serve para cortar a xeira negativa de tres derrotas consecutivas dos pontevedreses.
O Marcón rescatou un punto dun partido que se lles puxo en contra na primeira metade co gol visitante á media hora de xogo.
Non se descompuxeron os de Borja Burgos que insistiron ata atopar recompensa ao comezo da segunda metade coa igualada de Sapi. Seguiron buscando o segundo tanto nos minutos restantes, pero sen acerto.
Co empate o Marcón suma 4 puntos en liga e ocupa a posición 18 da clasificación de Preferente.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Valladares.
O que se achega á zona nobre da táboa é o Unión Grove tras o seu valioso triunfo ante o Xuventú Sanxenxo no Monte da Vila (1-0).
Un solitario gol de Diego González aos 23 minutos de xogo foi suficiente para un equipo local que se empregou a fondo para conservar a súa vantaxe e terminar provocando a primeira derrota da tempada aos amarelos.
O cadro meco ascende así á sétima posición con 10 puntos, mentres o Sanxenxo mantense segundo con 13 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Xuventú Sanxenxo.
Tamén sobe ata a zona nobre o Beluso, ao golear na casa ao Caselas (3-0).
Os de Bueu adiantáronse aos 25 minutos de xogo por medio de Adrián e sentenciaron na segunda metade, nos minutos 66 e 86, grazas aos goles de Julio Lorenzo e Reiriz.
O Beluso sobe así á quinta posición de Preferente con 11 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Caselas.
Segunda derrota da tempada para o Campo Lameiro, que se viu superado na casa ante o Atios (1-2).
O equipo visitante adiantouse aos 18 minutos de xogo, e cando os locais tentaban reaccionar, tras o descanso chegaría o segundo gol, recortando distancias o Campo Lameiro a falta de 10 minutos por medio de Quique.
A pesar da derrota os da Chanciña manteñen unha boa posición e son sextos con 10 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Atios.