A Deputación, escenario da V Gala do Deporte Feminino Galego
Por Redacción
Támara Echegoyen, Ángeles Barreiro, Susana Rodríguez ou Irene Blanco foron algunhas das deportistas galardoadas este venres na V Gala do Deporte Feminino Galego organizada pola asociación Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA).
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu unha xornada que pretende facer visibles os éxitos do deporte feminino galego durante o ano 2016.
Támara Echegoyen, campioa do Mundo de vela na clase 49er FX e cuarta nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro, foi elixida como mellor deportista galega, mentres que o mellor equipo foi o Breogán do Grove de piragüismo, vencedor da I Liga Nacional de Sprint Olímpico Feminino e tamén da Copa da Raíña.
O xurado acordou distinguir tamén a Ángeles Barreiro, atleta olímpica en Barcelona 92, pola súa traxectoria, e á adestradora Ruth Ballesteros, polo seu traballo na Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.
Pola súa banda Irene Blanco (halterofilia) foi premiada como mellor deportista promesa, Susana Rodríguez (tríatlon) como mellor deportista con discapacidade, María Bautista (taekwondo) como mellor árbitro e Rosa Patiño (Celta de baloncesto) como directiva máis comprometida.
Completaron a relación de premios a empresa Pescamar polo seu apoio ao deporte feminino en diferentes clubs e disciplinas e os xornalistas Paula Montes e Óscar Losada pola súa sensibilidade para recoñecer os méritos do deporte feminino de maneira igualitaria.
No transcurso da gala entregáronse ademais tres menciones especiais para Teresa Martínez (árbitra de hockey sobre patíns), Cristina Fernández (árbitra de balonmán) e Pilar Neira, fundadora de MUDEGA.