Sanxenxo pon en marcha as escolas deportivas municipais
Por Redacción
As escolas deportivas inician a súa actividade a próxima semana e forman parte do programa de actividades municipais que organizan entre a concellería de educación e cultura e a concellería de deportes. Puxéronse en marcha por primeira vez no curso 2001/02 e por tanto van cumprir 17 anos.
Unha iniciativa que naceu froito do acordo entre o Concello e os clubs deportivos de Sanxenxo. O obxectivo sempre foi mellorar o deporte de base e ofrecer aos máis pequenos unha práctica deportiva continua en horario de tarde como complemento á actividade física incluída no curso escolar.
Nestes 17 anos as escolas deportivas contribuiron a consolidar a práctica deportiva das actividades nas instalacións tanto municipais como privadas, mellorando as condicións das mesmas e fomentando as relacións entre alumnos de diferentes colexios ao compartir actividades e horarios.
A demanda desde o primeiro ano sempre foi moi positiva. Na última edición, curso 2016-17, matriculáronse case 100 alumnos máis que no curso anterior, en concreto foron 431, o 27% do total de alumnos de Sanxenxo entre os 6 e os 16 anos. No novo curso 2017/18, cuxo prazo de inscrición segue aberto, a previsión é que aumente o número de alumnos inscritos.
Se a esta cifra súmase os alumnos que elixen outras actividades culturais ofrecidas pola concellería de educación e cultura, como pintura, arte e música, atopámonos que o 50% dos alumnos elixen algún deporte ou actividade dentro do programa de actividades municipais. A actividade deportiva máis solicitada o curso pasado foi o futbol con 110 inscritos, seguido da patinaxe e o taekwondo con 44 inscritos en cada unha delas.
Cando se iniciou este programa a oferta de actividades era máis reducida que a actual pois incluía 8 disciplinas deportivas. No novo curso a oferta abarca 13 deportes: futbol, atletismo, voleibol, baloncesto, taekwondo, natación, ciclismo, tenis, pádel, piragüismo, surf, bodyboard e salvamento.
O custo das actividades deportivas é de 7 euros ao mes, coa excepción da natación que custa 11,50 euros ao mes e o tenis e o pádel que son 15 euros mensuais. A duración da actividade varía segundo a disciplina desde 1 hora semanal no caso da natación, ata as 3 horas semanais repartidas en dous días, que é o caso da maioría das actividades.
Para os próximos cursos a concellería ten a intención de seguir mellorando a oferta deportiva, especialmente para os alumnos de ESO, entre 13 e 16 anos, con horarios máis axustados ás súas necesidades e tamén se estuda a posibilidade de incluír actividades como o paddle surf e o balonmán, aínda que este último non ten un club de referencia no municipio.