Éxito do SAPO no primeiro Campionato de España de Longa Distancia de salvamento deportivo
Por Redacción
O río Pisuerga, en Valladolid, foi escenario do primeiro Campionato de España de Longa Distancia de Salvamento Deportivo, con bos resultados para o SAPO.
O Salvamento Acuático Pontevedra tivo representación en todas as categorías.
A competición comezou cun meritorio ouro de José María Villaverde na proba de ski de salvamento de 8 quilómetros, categoría xuvenil, na que o seu compañeiro Anxo López foi cuarto a escasos centímetros do segundo e terceiro clasificado. Tamén Jorge Calvo proclamouse campión na mesma disciplina, pero con 12 quilómetros de distancia na categoría junior.
En canto ás probas de carreira con táboa de salvamento, de 4 e 6 quilómetros segundo as categorías, destacaron os dous quintos postos de Anxo López e Jorge Calvo, que xunto coa actuación das súas compañeiras absolutas Bruna Nyckelle e Ángela Peleteiro, permitiron ao SAPO subir ao segundo caixón do podio por clubs nas categorías xuvenil masculina e absoluta feminina.
Tamén se celebrou o Campionato de España para os deportistas master, onde Sergio Bethencourt conseguiu o ouro en carreira con táboa, na súa categoría. Nas probas master tamén tomaron parte Carlos Montero, Agustín Lima e Luís Olavarrieta.