Domingo de tríatlon en Portonovo coa segunda edición do Boamorte
Por Redacción
A praia de Baltar, en Portonovo, será o centro neurálxico por segundo ano consecutivo do Tríatlon Boamorte, que se celebrará o vindeiro domingo 1 de outubro.
O areal será o punto de saída dunha competición que mantén o seu percorrido, en distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé) sen drafting, é dicir, sen a posibilidade de ir a roda no tramo de ciclismo.
Os participantes, con prazas limitadas a un máximo de 350 deportistas, afrontarán un percorrido que no sector ciclista constará de dúas voltas polo tramo de costa ata a Lanzada e de catro voltas na carreira a pé no paseo marítimo de Portonovo.
Ben cedo, ás 9:00 horas, darase a saída á competición masculina, mentres ás 9:10 horas será quenda da carreira feminina, en ambos os casos en categorías junior, sub-23, absoluta e de veteranos.
O II Tríatlon Boamorte, organizado polo Team Corbelo co apoio do Concello de Sanxenxo, foi presentado este martes de maneira oficial.