Unha carreira popular de 5 quilómetros, novidade na XX edición da Milla Urbana San Miguel
Por Redacción
A Milla Urbana San Miguel volve puntual á súa cita, o último sábado do mes de setembro, para encher de deporte a fin de semana festiva en Marín.
A proba deportiva aposta ademais nesta edición por ampliar a súa oferta cunha carreira popular de 5.000 metros de percorrido "para la gente a la que la milla le queda un poco pequeña", recoñeceu na presentación do evento Gonzalo Méndez.
O sábado 30 de setembro celebrarase a que xa é a XX edición da carreira con probas para todas as categorías de idade e a nivel senior con opción para federados e para afeccionados.
A actividade no habitual circuíto da Avenida de Ourense iniciarase ás 17:00 horas coas categorías inferiores. Ás 18:30 horas terá lugar a proba de 5.000 metros, mentres a milla popular masculina e feminina terá lugar ás 19:10 e 19:20 horas.
Pechará a xornada o prato forte, a milla elite feminina ás 19:30 horas e a masculina ás 19:45 horas. Nelas estarán os mellores especialistas galegos da distancia, como o local Víctor Riobó, aínda que causará baixa Solange Pereira debido a outro compromiso deportivo.
A inscrición para a XX Milla Urbana San Miguel manterase aberta ata o vindeiro xoves 28 de setembro na web www.carreirasgalegas.com.