Obrigados a reaccionar na visita do San Sebastián de los Reyes
Por Diego Espiño
Á sexta vai a vencida? Iso espera o Pontevedra Club de Fútbol na sexta xornada do Campionato Nacional de Liga de Segunda División B, na que buscará o seu primeiro triunfo do curso.
Os granates reciben este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao San Sebastián de los Reyes co obxectivo claro de sumar tres puntos e empezar a deixar atrás o seu mal inicio de tempada, o peor en 38 anos.
O conxunto madrileño chega á cidade de Lérez en situación oposta, despois dun bo arranque de competición. Os de Alfredo Santaelena son sextos con 10 puntos, a só dous do liderado e sumando as súas saídas por vitorias, ante Fabril e Navalcarnero.
Entre semana ademais os menos habituais, xunto a algúns titulares do equipo, afrontaron a final rexional da Copa Federación na que se impuxeron ao Alcobendas.
En canto ao Pontevedra, plantel e corpo técnico móstranse convencidos de que os resultados chegarán máis cedo que tarde. A pesar diso Luisito é consciente da importancia do choque, tal e como reflicte a decisión de traballar o xoves a porta pechada.
O adestrador de Teo, como no resto de partidos que o equipo actúa de local, despois do adestramento realizado na mañán de este sábado en Cambados convocou a todos os futbolistas e realizará os descartes pertinentes antes do choque, sendo a novidade o regreso de Prosi tras cumprir en Fuenlabrada un partido de sanción.
O colexiado do encontro será o asturiano Diego Valdés Díaz, con Pelayo Corgo Suárez e Nicolás Marinero Noval como asistentes.
Relacionadas:
-
Jimmy deberá pasar polo quirófano e estará un mínimo de dous meses de baixa
Por Diego Espiño |
-
Chega o primeiro triunfo dun Pontevedra en franca melloría á conta do San Sebastián de los Reyes (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra estrea camiseta e patrocinador
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra iguala o seu peor arranque ligueiro dos últimos 38 anos
Por Diego Espiño |
-
Desaparece o Pontevedra na segunda parte e os seus fallos defensivos facilitan a vitoria do Fuenlabrada (2-0)
Por Redacción |