Lucía Vázquez renuncia ao resto da tempada por lesión
Por Redacción
Non poderá optar Lucía Vázquez a sumar un novo triunfo na xeral da Taça de Portugal, que esta fin de semana chega ao seu fin en Azores e na que marchaba na segunda posición con opcións de adxudicarse o título.
A biker de Vilaboa viuse obrigada a renunciar ao tramo final da tempada por lesión.
"É a primeira vez en 18 anos de carreira deportiva que me parto un óso", sinala Lucía, que se lesionou en agosto mentres se adestraba en Les Deux Alpes (Francia). "Foi unha caída parva. Ía a pouca velocidade e un refacho de vento descontroulme a roda dianteira. Ao caer, apoiei mal a man no chan", explicou.
Esta lesión, unha fractura no metacarpo do seu dedo pulgar dereito, obrigouna a pasar polo quirófano e teraa de baixa durante un tempo, xa que ata finais de setembro non lle retirarán a escaiola da súa man para poder iniciar a rehabilitación pertinente.
Ademais da Taça de Portugal, Lucía Vázquez quedará sen participar na tempada de ciclocrós, que este ano entraba nos seus plans, polo que agora céntrase en "tomalo con moita paciencia, descansar e xa ir pensando nos obxectivos da próxima tempada".