Loito no deporte marinense polo falecemento do ex futbolista Tucho de la Torre
Por Redacción
Pesar na familia do deporte marinense, que este luns perdeu a un dos seus símbolos máis queridos, Tucho de la Torre.
O ex futbolista de equipos como Real Zaragoza, Sevilla, Deportivo ou Real Club Celta de Vigo en Primeira e Segunda División faleceu aos 78 anos de idade.
De la Torre era unha persoa moi coñecida na vila non só pola súa vinculación co mundo do deporte, senón tamén por ter sido propietario durante moitos anos da Cafetería Xeitosa.
Tratábase dunha figura querida e admirada en Marín, que no ano 2015 otorgoulle un dos seus premios aos mellores deportistas locais, recoñecendo así a súa traxectoria e o seu exemplo cos mozos.
Ademais, desde ese mesmo ano a Escola de Fútbol Vila de Marín, en colaboración co Concello, organiza un torneo de fútbol-8 prebenxamín e benxamín que leva o seu nome.
O funeral polo seu eterno descanso celebrarase ás 17:00 horas deste martes no Templo Novo de Marín. Despois procederase á súa incineración na máis estrita intimidade familiar.