O Sanxenxo vence a un Marcón en inferioridade e o Campo Lameiro segue lanzado
Por Redacción
A expulsión de Gelillo aos 42 minutos de xogo, por dobre amoestación, resultou decisiva no partido que enfrontaba a Marcón Atlético e Xuventú Sanxenxo no Carrasco (0-3).
Ata entón o partido estaba a resultar moi disputado, con ocasións para ambos os bandos e mesmo un penalti desperdiciado polos pontevedreses.
Non o aproveitaron e na segunda metade, en inferioridade numérica, o Sanxenxo mostrouse superior para decidir o encontro con goles de Carlos no minuto 60, Héctor no 67 e Javi Nogueira xa no tramo final.
Con este resultado o Sanxenxo mantense na terceira posición con 10 puntos, a dous do liderado, mentres o Marcón cae á décimo sétima posición con tres puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Xuventú Sanxenxo.
O que segue imparable no seu debut na categoría é o Campo Lameiro, que protagonizou unha espectacular remontada na Chanciña ante o Erizana (4-2).
Os verdes víronse pronto por baixo no marcador, con dous goles visitantes nos primeiros 25 minutos, pero repuxéronse con personalidade e antes do descanso xa dominaban grazas ao 'hat trick' de Santi Fontán, o segundo desde o punto de penalti.
No segundo acto os locais terminaron sentenciando no tramo final cando xogaban cun futbolista máis.
Coa vitoria o Campo Lameiro, que segue invicto, é segundo na clasificación de Preferente con 10 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Erizana.
Tamén lle marchan ben as cousas ao Beluso, que se deu o gustazo de golear no seu campo ao Valladares (5-0).
Despois dunha primeira hora de igualdade, os locais golpearon con tres tantos antes do descanso, obra de Adrián, Richi e Soage. A sentenza chegaría no últimos cinco minutos de partido por medio de Manu Freire e de novo Richi.
O Beluso colócase quinto na táboa con 8 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Valladares.
A xornada en Preferente redondeouna o Unión Grove ao superar no Monte da Vila ao Mondariz (3-1) nun polémico encontro pola súa dureza, cargado de amoestacións para ambos os equipos.
Adiantouse o equipo visitante pasada a media hora, pero o Grove logrou igualar na seguinte acción e antes do descanso tomaba vantaxe con algo de fortuna, cun gol en propia meta.
Xa na segunda metade Rubén Carreira sentenciaría o partido a falta de 20 minutos e pouco antes de marchar prematuramente aos vestiarios ao ser expulsado.
O cadro meco é agora undécimo con 6 puntos.