Primeiro triunfo do Arosa, gaña tamén o Villalonga e caen goleados Céltiga e Ribadumia
Por Redacción
Houbo que esperar ata a quinta xornada para ver a primeira vitoria ligueira do Arosa, que chegou con goleada sobre un Choco que se presentaba na Lomba con necesidade tamén de aliviar o seu deficiente arranque de tempada. Os arlequinados tiveron que esperar á segunda parte para conseguir os goles materializados por Sylla, Javi Pazos e Sergio Santos.
Pero non resultou fácil dobregar aos de Redondela, que aguantaron ben a primeira parte ata que en pouco máis de cinco minutos (do 26 ao 31) o seu central Javi vía dous cartóns amarelos resultando expulsado e deixando ao seu equipo en inferioridade.
Os de Jorge Otero aproveitaron para abrir o marcador nos primeiros minutos do segundo tempo, por medio de Sylla (minuto 54). Seis máis tarde Javi Pazos conseguía o segundo, pechando a conta Sergio Santos aos 69 minutos, co que os vilagarciáns respiran achegándose a postos máis acordes co seu potencial.
Consulta o acta do partido Arosa-Choco nesta ligazón.
Non o tivo fácil o Villalonga na súa visita ao pechacancelas Noia. Os celestes sufriron para sumar o seu segundo triunfo da tempada que lles coloca ás portas do play-off nun sorprendente e meritorio quinto posto.
Tras un primeiro tempo con escasas ocasións de gol, no que só un remate de Mou que saíu preto do traveseiro puxo a nota de perigo, os de San Pedro conseguirían impoñerse cun gol de Aarón Paredes, que segue en vea de acertos, marcado aos 73 minutos de xogo.
Consulta o acta do partido Noia-Villalonga nesta ligazón.
Caeu o Céltiga vítima do bo momento dun sorprendente Silva. Os da Illa suman a súa cuarta derrota consecutiva, o contrario que o seu rival, que logra o seu cuarto triunfo seguido, ademais de impoñerse ao Alondras na final autonómica da Copa Federación.
O partido tivo ademais un protagonista descatado no dianteiro visitante Cañi, autor dos catro goles do seu equipo, a pesar de desperdiciar un penalti cando o marcador aínda non se moveu.
A superioridade coruñesa foi total. Cañi comezaba a súa tarde máxica cun erro, ao lanzar un penalti aos 15 minutos que detivo o porteiro local Manu Táboas, pero logo desquitaríase sobradamente abrindo o marcador no minuto 35.
Na segunda metade, tamén de penalti, Cañi sacaríase a espiña do erro anterior para facer o segundo (minuto 56), para resolver co 0-3 aos 79 minutos de xogo, nun man a man co meta local, pechando a conta no tempo de desconto cun cuarto gol fronte a un Céltiga desbordado.
Consulta o acta do partido Céltiga-Silva nesta ligazón.
Atopouse o Ribadumia co mellor Barco da tempada e encaixou unha dura derrota en Calabagueiros, a pesar de comezar ben e mesmo con opcións de adiantarse no marcador.
Fran Fandiño, o mellor dos aurinegros, atopouse co poste aos 12 minutos, na mellor ocasión dos visitantes, e do posible 0-1 pasouse pouco despois ao 1-0 ao acertar Mitogo a rematar un centro de Ivi Vales para bater a Iván Parada.
Pouco antes do descanso (minuto 43), o Barco ampliaba diferenzas cun remate de Raly Cabral de cabeza, a centro de Ñiles e aínda que o Ribadumia adiantou liñas ao comezo do segundo tempo, xa non conseguiu crear perigo e sería o Barco quen ampliaría o resultado, cun novo gol de Raly Cabral, aos 64 minutos de xogo, deixando ao Ribadumia como vicecolista con só dous puntos.
Consulta o acta do partido Barco-Ribadumia nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Remonta o Ribadumia, sorprende o Céltiga en Villalba, cae o Villalonga na casa e segue sen arrancar o Arosa
Por Redacción |
-
Triste empate entre Arosa e Ribadumia mentres Céltiga e Villalonga sacan proveito do mal momento de Laracha e Negreira
Por Redacción |
-
O Ribadumia gaña o derbi da necesidade ao Céltiga mentres caen Villalonga e Arosa
Por Redacción |
-
Empates con distinto sabor para Villalonga, Arosa e Ribadumia e derrota do Céltiga en Redondela
Por Redacción |
-
Non arranca o Arosa que empata co Villalonga, derrota do Céltiga e empate a domicilio do Ribadumia
Por Redacción |
-
Goleada do Villalonga ao Céltiga e derrotas de Ribadumia nun partido tolo e Arosa
Por Ramiro Espiño |