O Poio Pescamar fai sufrir ao vixente campión Atlético Navalcarnero (2-3)
Por Redacción
Sufriu o vixente campión Atlético de Madrid Navalcarnero para levar os tres primeiros puntos da tempada da Seca. O Poio Pescamar non se entregou ata o final e deixou excelentes sensacións na súa presentación ligueira, nunha tempada que afronta co difícil obxectivo de mellorar a excelente clasificación do ano anterior.
O partido empezaba con dous equipos que alternaban a presión en tres cuartos coa procura de rápidas transicións ofensivas. Os dous tiveron numerosas chegadas de perigo sobre a área rival, pero a actuación de Silvia e Estela impedía que o marcador se movese, ata que moi preto do descanso Ju Delgado, de cabeza, nun envío en longo adiantaba ás madrileñas.
Na segunda parte, o Atlético comezou con máis intensidade que as locais, froito do cal ampliaba a súa vantaxe cun gol de Bruna en xogada individual.
Non tardou en reaccionar o Poio Pescamar, cun gol de Iria ao transformar un penalti, co que o partido volvía ao equilibrio inicial e dous equipos pelexando coas súas armas.
Impúxose a profundidade de banco dun Atlético que chegou máis fresco ao tramo final. Aos 29 minutos, nunha contra Desi anotaba o 1-3. Catro minutos máis tarde Jenny aproveitaba un balón despexado en curto pola zaga branquivermella para anotar o 2-3 e manter viva a esperanza de puntuar para as mozas de Marcio Santos.
As locais, empuxadas pola súa afección, tentárono ata o final, pero a boa defensa branquivermella, con Estela como principal protagonista, evitou que puidesen igualar o partido.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Jenny, Iria, Ale de Paz e Ceci (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carolina, Patri Corral e Bugallo.
ATLÉTICO NAVALCARNERO (3): Estela; Ju Delgado, Amelia Romero, Nerea Moldes e Marta Pelegrín (quinteto inicial). Tamén xogaron, Desi, Bruna, María Sanz e Leti.
Goles: (0-1) Minuto 20: Ju Delgado. (0-2) Minuto 22: Bruna. (1-2) Minuto 23: Iria, de penalti. (1-3) Minuto 29: Desi. (2-3) Minuto 33: Jenny.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Un tempo para cada equipo e repartición de puntos entre Penya Esplugues e Poio Pescamar (1-1)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar avanza á fase final da Copa Galicia tras vencer ao Leis
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar, preparado para o seu esixente debut ligueiro
Por Diego Espiño |
-
A Copa Galicia de fútbol sala avanza para Poio Pescamar, O Fisgón, Cidade de Pontevedra e Leis
Por Redacción |