Desconto fatal para un Pontevedra que deixa escapar a vitoria sobre o Toledo na última xogada (3-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Primeiro faltou fútbol, logo sobraron erros, especialmente dous, un de Prosi que lle custou deixar ao seu equipo en inferioridade cando tiña o partido encarrilado, e outro de Adrián León, que na última xogada do desconto confiouse e permitiu o empate visitante. Pontevedra e Toledo fixeron unha pésima primeira parte e unha vibrante segunda.
O Pontevedra mellorou en moitas cousas, pero seguiu mostrando alarmantes síntomas de debilidade defensiva que lle están custando encaixar goles en cada partido. Os de Luisito recuperaron a intensidade do seu fútbol na segunda parte e iso é unha boa noticia, aínda que volveron ter o seu punto negro neses erros individuais que ante rivais que saben o que fan páganse moi caro, o que é unha moi mala noticia. Puideron gañar os de Luisito. Merecérono pola súa loita e entrega do segundo tempo, pero tamén puido facelo un Toledo tímido ao comezo e ambicioso (á forza) ao final.
Encefalograma plano nos dous equipos durante todo un primeiro tempo no que o Toledo tivo máis a pelota pero non soubo que facer con ela, fronte a un Pontevedra demasiado longo, con excesiva distancia entre liñas e ao que unicamente as aparicións ofensivas de Añón pola banda esquerda daban osíxeno e posibilidade de facer dano ao rival.
Os granates non atopaban forma de sacar o balón xogado con claridade e recorrían aos envíos en longo, un fútbol tan rudimentario como pouco vistoso e carente de efectividade, xa que Etxániz poucas veces gañaba a disputa e Marcos Álvarez non aparecía en ataque, nin tampouco axudaba demasiado ao seu lateral en defensa, mentres Prosi e Kevin Presa perdíanse nun querer e non poder, percorrendo demasiados metros infrutuosos.
E iso que as cousas puxéronselle pronto para os de Luisito, cun penalti absurdo, dos que moitas veces quedan sen sanción, pero que non por habituais deixan de selo. Foi nun centro de David Añón desde a esquerda ao que acudiu Marcos Álvarez. Tomás Sánchez empuxouno por detrás derrubándoo. Etxániz encargouse da transformación, con seguridade e potencia, á dereita do porteiro, enganando a Alcolea.
Transcorreran só nove minutos, pero ata o descanso pouco máis houbo que contar. O Toledo morría ao chegar á área, limitándose a lanzar saques de esquina e faltas laterais sen efectividade e sen que Edu tivese que intervir nin unha soa vez, e o Pontevedra puido facer o segundo aos 33 minutos tras un corner, pero o seu remate de cabeza quedou invalidado por claro fóra de xogo, como antes érao un de Marcos Álvarez e que Etxániz non foi capaz de resolver no disparo anterior.
Onésimo cambiou a formulación pasando a xogar con tres centrais e a aposta inicialmente non puido saírlle mellor, porque case na primeira acción do segundo tempo chegaba o empate, precisamente cos seus dous carrileiros como protagonistas. Expósito chegou á liña de fondo e centrou atrasado para a chegada de Tomás Sánchez, que a colocou na escuadra.
E non quedou aí a cousa, debido a que tres minutos despois o horroroso, máis ben inexistente, balance defensivo dos locais permite unha rápida contra que culmina Sergio Garcia poñendo o balón case no mesmo punto que o seu compañeiro.
A partir de aí a tolemia. O Pontevedra sacou a caste que lle faltaba ata entón e reaccionou como animal ferido. Puido empatar Añón, pero non acertou ante Alcolea e pouco despois ese empate chegaba tras un corner lanzado por Prosi, que rematou de cabeza Bruno, anticipándose no primeiro pau.
Crecido, o Pontevedra aproveitou os espazos que agora deixaba a zaga visitante e subiu un punto máis a súa intensidade na disputa, o que lle permitiu gañar segundos balóns que antes eran para os seus rivais. Así, un pase interior, tras recuperación defensiva, deixou só a Añón que encarou ao meta toledano sendo derrubado de forma clara. Penalti que esta vez executou o mesmo David Añón, enganando novamente a Alcolea.
Pasaran unicamente once minutos, pero era outro partido, dinámico, con ritmo, fútbol e oportunidades. O Pontevedra mandaba agora ata que Prosi cometeu a imprudencia do día, cunha entrada absurda e innecesaria que lle custou o segundo cartón. Tocaba facer exercicio de supervivencia con máis de 20 minutos por diante.
Conseguiuno o equipo local, defendéndose con orde e sen demasiados abafos ata o último minuto do desconto en que un grave erro defensivo custoulle unha vitoria que xa acariñaba. Antes puido sentenciar nunha contra con centro de Álex González que non aproveitou o debutante Berrocal, estrelando o remate no pé de Alcolea.
Empuxaba o Toledo, pero non creaba oportunidades, pero na última xogada do partido un balón colgado sobre a área gáñao Adrián León, pero confíase incomprensiblemente e non despexa de primeira, dando tempo a Canario a roubarlle a carteira e empatar, levando a desolación a equipo e bancada.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Miguel (Carlos Ramos, minuto 75), Jimmy, David Goldar, Bruno, Adrián León, Marcos Álvarez (Álex González, minuto 54), Kevin Presa, Etxániz (Berrocal, minuto 78), Prosi e David Añón.
CD TOLEDO (3): Alcolea; Expósito, Tomás Sánchez, Echaide (Romagnioli, minuto 82), Toño Vázquez (Esteve, minuto 70), Israel Castro, Sergio García, De Lerma, Figueroa, Álvaro Antón (Barranco, minuto 64) e Canario.
Árbitro: Fernando Bueno Prieto (Madrid), auxiliado nas bandas por Rodrigo Blázquez Sánchez e Álvaro García Padilla. Expulsou ao xogador do Pontevedra, Prosi, por dobre amoestación (minuto 67). Amoestou a Marcos Álvarez, Kevin Presa e David Goldar, no Pontevedra, e a Canario, De Lerma e ao adestrador, Onésimo Sánchez, no Toledo.
Goles: (1-0) Minuto 9: Etxániz, de penalti. (1-1) Minuto 47: Tomás Sánchez. (1-2) Minuto 50: Sergio García. (2-2) Minuto 54: Bruno. (3-2) Minuto 56: David Añón, de penalti. (3-3) Minuto 94: Canario.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
O Pontevedra estrea camiseta e patrocinador
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra iguala o seu peor arranque ligueiro dos últimos 38 anos
Por Diego Espiño |
-
Desaparece o Pontevedra na segunda parte e os seus fallos defensivos facilitan a vitoria do Fuenlabrada (2-0)
Por Redacción |
-
Fuenlabrada, un rival de nivel para buscar o primeiro triunfo do curso
Por Diego Espiño |
-
Con todo o plantel dispoñible para remontar o voo ante o Toledo
Por Diego Espiño |
-
Jesús Berrocal, preparado para debutar ante o Toledo
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra entra en "depresión profunda" sufrindo en Cerceda a súa cuarta derrota consecutiva (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Reacción obrigada no terceiro derbi da tempada
Por Diego Espiño |
-
A Gimnástica Segoviana apea da Copa pola vía rápida a un Pontevedra de chiste (2-0)
Por Redacción |