O Froiz enche de moral para a Volta a Galicia
Por Redacción
A pouco máis dunha semana para que arrinque a Volta a Galicia, un dos seus principais obxectivos cada tempada, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz elevou a moral do equipo cun gran papel na Vuelta Ciclista a Cantabria.
Despois de tres días de competición o conxunto alimenticio conseguiu levar a clasificación por equipos e ademais, por medio de Martín Lestido, as da montaña, metas volantes e sprints especiais.
Un bo botín que Lestido certificou na última etapa ao entrar nunha escapada aos 25 quilómetros e durante máis de 70, aínda que finalmente foi neutralizado.
O que non conseguiu o Froiz é rematar a faena na clasificación xeral da rolda cántabra, xa que a pesar dos seus esforzos a última xornada decidiuse ao sprint e non puido recortar os escasos segundos de desvantaxe das súas primeiras espadas.
Así David González finalizou na quinta posición a 4 segundos do vencedor, mentres Pedro Merino foi décimo.
Agora o equipo pontevedrés centra xa o seu obxectivo na Volta a Galicia que se disputará entre os días 14 e 17 de setembro.